Venres. 19.04.2024
El tiempo

A docencia na Costa en tempos de coronavirus

Aulas baleiras polo coronavirus
As aulas dos centros educativos levan baleiras dende o pasado 13 de marzo.
A docencia na Costa en tempos de coronavirus

Ante a situación que estamos a vivir debido á crise sanitaria causada polo Covid-19, son moitas as incertezas que manan sobre o futuro de moitos sectores. Un deles, sen dúbida, é o da educación. Miles de alumnos e alumnas, ademais dos docentes dos centros, tiveron que adaptarse en tempo récord a unha situación totalmente nova e imprevista, por non falar tamén das incógnitas que se derivan disto ante un futuro, de momento incerto. Ata onde é posible seguir cunha educación a distancia e, sobre todo, nun lugar como a Costa da Morte? Falamos con catro centros educativos da comarca para intentar amosar algo de luz: O IES Fernando Blanco (Cee), o IES Plurilingüe Pedra da Aguia (Ponte do Porto), o IES Terra de Soneira (Vimianzo) e o IES Plurilingüe Fontexería (Muros).

Dende que se decretou o Estado de Alarma, todos os centros afirman que o traballo comezou a organizarse de forma telemática principalmente a través da Aula Virtual, mais tamén outras canles como o correo electrónico, plataformas dixitais ou por teléfono. “Antes de que empezara o confinamento dixémoslles aos alumnos como iamos traballar. As pautas as marcamos a través da páxina web do Instituto e da Aula Virtual, onde se colgaron a maior parte dos traballos, polo que tivemos que darlles a todos un nome de usuario e un contrasinal”, explican dende o IESP Pedra da Aguia, onde este mesmo ano o 50% do profesorado participara nun grupo de traballo precisamente  sobre o funcionamento da Aula Virtual.

Durante estas últimas semanas do segundo trimestre, e con este novo panorama, os alumnos tiveron que facer e entregar tarefas e traballos de forma telemática. Nalgúns centros algunhas materias mesmo foron impartidas a través de clases online mais, polo momento, aínda non se realizou ningún exame online. Por outro lado, o profesorado tamén habilitou canles para poder resolver as dubidas dos alumnos. “Dende o primeiro momento o profesorado conectou con todo o alumnado por mail, teléfono e Aula Virtual e outros medios e, por último, Webex, a plataforma que a Consellería puxo á nosa disposición. Deuse clase online en moitas materias e tamén se fixeron titorías”, indica a directora do IES Fernando Blanco, Chelo Trillo.

Edificio do IES Fernando Blanco

Quizais, un dos cursos que se está vendo máis afectado por isto é o de segundo de bacharelato, un ano que xa de por si adoita ser un dos mais esixentes e esgotadores pola preparación para a ABAU e que ante este novo panorama se lle presentan outras adversidades. Trillo recoñece a preocupación do alumnado do último ano pois, “pasouse de ter uns prazos moi definidos a unha sensación de inseguridade dos mesmos”, entre outros motivos, mais “aínda así, estanse a esforzar e entregan os traballos, participan nos foros...”, asegura a directora do centro ceense. Unha premisa coa que coincide a directora do IESP Fontexería, María José Lago, quen sinala que o alumnado está “respondendo ben ao profesorado, formulando dúbidas, entregando exercicios... pero coa dificultade anímica que toda esta situación supón”.

Pola súa banda, dende o IES Terra de Soneira afirman que “tendo en conta as dificultades propias dunha situación tan complexa e inesperada, o certo é que en liñas xerais o alumnado de bacharelato está tendo unha resposta moi positiva. Esta resposta tampouco resulta demasiado sorprendente dado o nivel de implicación e interese propios do alumnado deste nivel”.

En xeral, todos os cursos están sendo tratados “co mesmo cariño e preocupación”, tal e como relata a directora do Fernando, mais, como é de esperar e como xa adoita suceder no transcurso normal do ano, estase a facer un pequeno fincapé no alumnado de bacharelato. “O traballo co alumnado de segundo de bacharelato está a ser máis intenso, de igual modo que ocorre durante o curso en circunstancias normais”, aseguran dende o IES Terra de Soneira. Asimesmo, a directora do IES Fontexería apunta que, a pesares de que a dinámica de ensino está a ser parecida en todos os cursos, “o alumnado non debe perder o ritmo de estudo pero o avance de materia en 2º de Bacharelato é necesario para rematar os temarios para a ABAU”.

É viable esta nova forma de educación?

Con este novo escenario que se nos presentou está claro que o primordial é adaptarse ás circunstancias da mellor maneira posible e intentar continuar co curso, mais é sostible? E, o mais importante, xera un bo rendemento oe aprendizaxe nos alumnos?

O equipo directivo do IES Pedra da Aguia ten claro que “unha clase telemática non pode substituír a unha clase presencial. As clases máis teóricas sempre serán máis doadas de seguir que as de ciencias como Matemáticas, Bioloxía, Tecnoloxía ou Física. A aprendizaxe será máis lenta, pero haberá que facer fincapé noutras competencias como as de aprender a aprender e a dixital”. Mais tamén ven o lado bo desta situación adversa, pois “tiñamos un déficit de coñecementos dixitais e este pode ser un bo momento para aprender e desenvolvelos. O rendemento nunca será o mesmo, pero estamos seguros que descubrirán novas facetas que lles serán útiles de cara o futuro”, apuntan dende o centro de Ponte do Porto.

“Aprender claro que aprenden pero non se pode comparar baixo ningún concepto coa ensinanza presencial. Non podes facer un seguimento tan pormenorizado, non vemos tan claro se entenden ou non, e, sobre todo, pérdese o factor de contacto real, en vivo, tan necesario”, afirma a directora do IES Fernando Blanco. O IES Terra de Soneira sinala que “trátase dunha situación complexa e, sobre todo, inesperada. É este último factor o que complica as cousas, téndose que dedicar tempo e recursos a adaptar medios e técnicas docentes á teleformación. En calquera caso e aínda sendo conscientes de que se poden realizar avances que permitan certo aproveitamento da aprendizaxe nesta situación, somos conscientes de que a actividade docente presencia é insubstituíble a día de hoxe”.

Previsións para o terceiro trimestre

De momento aínda non hai nada claro sobre o futuro deste curso e como vai rematar o terceiro trimestre. A Consellería de Educación ven de facer un comunicado este luns 13 de abril no que indican que “a actividade lectiva non presencial continuarase, con carácter xeral, mediante repaso, reforzo e recuperación do traballo desenvolvido, centrándose na adquisición das competencias clave. Así mesmo, os centros educativos avaliarán as medidas a adoptar para a atención ao seu alumnado con maiores dificultades de acceso á educación no actual contexto”. Mais aínda se descoñecen as medidas definitivas.

Mañá, mércores 15, ten previsto realizarse unha xuntanza na que participara o Ministerio de Educación e Formación Profesional e as Comunicades Autónomas co fin de coordinar ditas medidas a adoptar para o desenvolvemento do terceiro trimestre e final do curso vixente, na que se ditaran as instrucións necesarias.

Mentres tanto, son moitos os rumores que circulan sobre as posibles solucións ás que poidan chegar, dende a continuación do curso telematicamente con exames online ata a finalización do curso con aprobado xeral, entre outras medidas.  

IES Terra de Soneira

Ante estas posibilidades, a directora do IESP Fontexería comenta que “a situación non é uniforme, na nosa zona a rede non vai igual de ben en todos os lugares. Os alumnos poden ter portátiles pero a rede ir mal e non poder atender unha clase por videoconferencia, polo tanto os exames non poden ter a mesma validez”. Para ela, unha posible solución sería que “polo menos nos cursos últimos de cada etapa debería realizarse un exame presencial de cada materia se é posible por cuestións de saúde pública. Sería un elemento obxectivo e unha garantía para a igualdade de oportunidades do alumnado”, indica a directora do centro muradán.

O IESP Pedra da Aguia mesmo redactou un escrito á Consellería coas súas propias propostas que saíron despois dunha reunión do claustro de profesores a través da plataforma Webex, escrito que foi aceptado por unha ampla maioría, con pequenas discrepancias nalgún punto concreto. O profesorado do centro coincidiu en que o aprobado xeral non sería unha opción viable “porque hai alumnos que pola súa traxectoria ata agora non o merecen”. É por iso que, entre as súas propostas, optan (resumidamente) por avanzar no temario, que a realización e entrega dos traballos sexa o que se utilice para avaliar ao alumnado e se finalmente en xuño houbese a posibilidade de facer exames, estes valerían unicamente para subir nota e non para aprobar ou suspender a materia.

Mais, a pesar destas medidas que propoñen, teñen moi presente a problemática da fenda dixital. “O reparto de 3 ordenadores e 3 conexións inalámbricas por instituto por parte da Xunta é totalmente insuficiente, xa que aínda que todo o alumnado conta con ordenador ou tablet, non todos contan con conexión inalámbrica e esta é moitas veces bastante inestable. De todas formas, propoñemos que para os alumnos que non podan facer exercicios a través da rede, entregarlles cada luns material no Centro ou a través de Protección Civil”, afirma a dirección do Pedra da Aguia.

Para o IES Terra de Soneira “a opción máis recomendada será a que avalen os expertos sanitarios. No plano docente por suposto que sería interesante poder rematar o curso con actividade presencial, canto menos para a realización de probas de avaliación, pero, en calquera caso, dende o noso punto de vista o plano docente queda completamente supeditado aos criterios de saúde pública”.

A realidade é que, de momento, séguese á espera da confirmación dunhas medidas mais, tal e como apunta a directora do IES Fernando Blanco, “confío en que a decisión que se tome sexa a menos negativa para os nosos alumnos e alumnas e apelo ao sentido común e ó bo facer de profesorado e familias. Todo o meu respecto para quen teña que tomar esas decisión nun momento tan difícil”.

Comentarios