Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O Encontro Artes pola Integración enche Coruña de cultura diversa

Programa Artes pola Integración GAL copia
O Encontro Artes pola Integración enche Coruña de cultura diversa

O  DJ  Grobas súmase á programación da undécima edición do Encontro Artes pola Integración, unha achega de última hora que enriquece este festival inclusivo que conta co apoio do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o INAEM (Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música), Gadis ou Estrella de Galicia e que terá lugar na Coruña os vindeiros 17, 18 e 19 de xuño.

DJ Grobas
DJ Grobas

Fernando Grobas (A Coruña, 1974) é un axitador cultural, programador e  DJ vencellado á escena desde o ano 1996, sendo o primeiro  DJ galego en ser convidado polo Festival  Sónar (1998). En 2005 crea as 981 Sessions e, un ano  despois, o 981Festival en colaboración con Produciones Playa Club, dos que foi o encargado da programación de música electrónica e  DJ residente. Actualmente está inmerso no seu novo proxecto, Retrofuture, referente galego do clubbing de vangarda.

Programa Artes pola Integración GAL copi2
Programa Artes pola Integración GAL copi2

O evento arrincará no Forum Metropolitano da Coruña o venres 17 de xuño, ás 20:00 horas e con entrada libre ata completar capacidade, coa presentación do festival a cargo da actriz María Vázquez para, posteriormente, asistir a dúas representacións teatrais: unha peza curta que conta coa  importantísima colaboración do prestixioso festival Escena Móbile de Sevilla e, a continuación, a obra “No confeso”, dirixida polo actor Javier Colado e Alma García a partir do proceso de residencia de catro alumnos/ as na Ribeira Sacra e na Coruña.

A primeira xornada do XI Encontro Artes pola Integración chegará ao seu fin con Organik Dantxa e a obra de danza inclusiva “ Arnasa”, ideada e dirixida por Natalia Monge.

O sábado 18 de xuño o evento trasládase a uns Xardíns de Méndez Núñez onde, ás 11 da mañá, dará comezo a Asemblea Diversa, mesa moderada por Manuel Aguilar onde se coñecerán os proxectos seleccionados por Cultura Inclusiva da Fundación Emalcsa. Ademais, Manuel Olveira falaranos sobre “Artes plásticas e visuais e inclusión”,  Eugene Van Erven sobre o Festival Internacional de Artes Comunitarias de Bélxica, Vicente Galaso sobre “Artes inclusivas na enfermidade mental” e Encarna Lago sobre a “Transformación social a través das artes nos museos”.

Xa na xornada de tarde, ás 17:00 horas, poderemos asistir á presentación de La Pequena Bauhaus, marca deseñada por nenos/ as e adolescentes - con e sen diversidade funcional - creada en colaboración con diferentes artistas durante o SacraExperience. Posteriormente, ás 18:00 horas, a compañía de danza integrada do Colexio O Pelouro de Tui,  Eudanza, representará a obra “La danza del yo”, dirixida por Laura  Llauder.

A segunda xornada do XI Encontro Artes  pola Integración finalizará a partir das 19:00 horas coa representación de “No me toques el secreto”, de  Experimentadanza, unha peza onde tres mulleres, Clara, Carlota e unha cadeira de rodas, descobren a existencia de lugares onde, se os tocas, rexorden emocións profundas que nos aproximan máis á vez que nos afastan dos nosos propios medos.

Esta cita coas artes e a inclusión chegará ao seu fin na xornada do domingo 19 de xuño cando, a partir das 17:00 horas e na praza de Azcárraga, o público asistente poderá gozar da representación dunha peza curta gañadora do festival Escena Móbile de Sevilla. Finalmente, o broche de ouro desta undécima edición do Festival Artes pola Integración correrá cargo do DJ coruñés Fernando Grobas (DJ Grobas) e do prestixiosos DJ francés Pascal  Kleiman, músico que naceu sen brazos debido a unha malformación provocada por un medicamento que tomou súa nai durante o seu embarazo e que non impediu que triunfe pichando cos seus pés en diferentes discotecas e pistas de baile. Todo un  privilexio, sen dúbida, para o público coruñés.
 

Comentarios