Fartas de ter loitar contra o feminicidio
O novo asasinato machista acontecido este pasado luns en Vilalba volveu sacar a sociedade á rúa. Se concellos como Carnota xa realizaban o mesmo día unha concentración, a veciñanza de Laxe, Carballo e Cee decidiu unirse á serie de concentracións que se realizaron en todo o país esta tarde de martes 23 de abril.
Concentracións como a de Laxe, na que o silencio foi protagonista, para facer valer o lema “Stop Feminicidio”, e deixarlle claro ao vindeiro goberno que isto non pode ficar en “violencia intrafamiliar”.
Por Carballo, o Concello convocaba outra concentración, na que se deu lectura a un manifesto e se gardou un minuto de silencio.
”Fartas de ter que pedir perdón. Saír á rúa é obrigado, é a única arma que temos, para demostrar que non nos imos deixar matar” lían as responsables da Buserana na concentración de Cee.
Este foi o comunicado completo lido pola compañeira Begoña Barral, da Buserana
"Non importa a estación, nin as datas que sexan. Non importa o calor coma tampouco ten importado o vento e a chuvia. Importa únicamente que é preciso voltar ás rúas, saír a berrar tan alto coma se poida que non queremos ser asasinadas, algo que xa non poderán facer as trinta e catro mulleres vítimas do machismo no que vai de ano. As dúas últimas, en apenas vintecatro horas. Porque a violencia machista é incesante, pese a que teñamos que sufrir ademais desa violencia, a gubernamental e a política, a de grupos que esixen derogar as escasas medidas que tentan protexer o noso dereito a seguir vivas, a manternos a salvo de ser mulleres. Porque ese é o noso único delito, o único que nos custa a vida. Responsables políticos que equiparan ser asasinadas co suicidio dos asesinos cando nós non eliximos morrer: mátannos, que é moi diferente.
Avergonza tanta pasividade, que trinta e catro asasinatos nesta metade do ano deixen indiferente a toda unha sociedade. Que todos os medios de información xiren en torno ao cortexo duns pavos reais no Congreso dos Deputados que trafican coa nosa dor. Mercadoría en época de elecións e frases grandilocuentes que merquen vontades. Que pareza que se preocupan cando só buscan eslóganes, titulares de frases feitas e mensaxes repetidas mil veces, pero que nunca cobran realidade. Fartas de escoitalos falar de pactos de Estado contra a violencia machista. E fartas tamén de escoitar negar a violencia contra as mulleres. Fartas de case ter que pedir perdón por molestar, por erguer a voz e queixarnos. Por querer defendernos e reivindicarnos. Por querer ser mulleres libres!.
Saír a rúa é obrigado, é a única arma coa que contamos. A nosa unidade e determinación ten que ser visíbel para que non pensen que imos deixar que nos venzan. Para que non pensen que nos imos deixar matar sen máis. Non podemos agardar nada que non pelexemos previamente, por iso é tan importante estarmos hoxe aquí, concienciadas e sabedoras de que somos as únicas que podemos cambiar as cousas. E niso seguiremos poñendo todo o noso empeño....ata que chegue o día en que nunca teñamos que contarnos restándonos. Contra todo iso....Súmate!!".
Novas relacionadas
- 23-07-19: A Costa da Morte volve saír á rúa contra o asasinato machista de Vilalba.
- 08-07-19: Laxe berrou contra os violadores de Manresa.
- 8M 2019: As mulleres da Costa da Morte protagonizaron unha nova mobilización histórica polo 8M.
- Xaneiro 2019: Carballo volveu berrar #contraasviolencias tralo primeiro asasinato de 2019 e a volta á liberdade da Manada.
- Agosto 2018: A Costa da Morte manifestou a súa repulsa á posta en liberdade da Manada.
- Abril 18: Ata a Costa da Morte se manifesta contra a sentenza xudicial á “Manada”.