Martes. 17.09.2019
El tiempo

Laxe berrou contra os violadores de Manresa

Participantes na concentración en Laxe contra a violencia machista-Foto-Victor de Mira
Participantes na concentración en Laxe contra a violencia machista-Foto-Victor de Mira
Laxe berrou contra os violadores de Manresa

Laxe foi unha das 20 vilas do país que saíron á rúa en apoio á vítima da violanción de Manresa. Coincidindo coa declaración da vítima nos xulgados cataláns, milleiros de persoas decidiron saír á rúa para deixar ben claro que “non foi abuso, foi violación”, o que perpetraron 7 mozos un día do pasado 2014, cando a rapaza apenas tiña 14 anos.

“Violadores, puteros, proxenetas, homófogos: tedes delito”, “Quero estar segura e ser libre, non ser unha valiente”, “Eu créote”, “Xustiza Patriarcal”, “Non estás soa, denuncia”, “A pornografía ensina a violadores, puteros e futuros proxenetas”, foron algunhas das consignas berradas polas concentradas.

Foi Amaya a que lanzou varias palabras de apoio á vítima entre as preto de medio centenar de persoas que se xuntaron na Praza Ramón Juega, e foi a nosa activista Lola Rontano a que leu este manifesto:

Lola Rontano leu o manifesto na Concentracion en Laxe contra a violencia machista-Foto-Victor de Mira
Lola Rontano lendo o manifesto-Foto-Víctor de Mira

En apoio da vítima dos violadores de Manresa

Dende Laxe, a veciñanza co apoio do feminismo galego, saímos hoxe á rúa para mostrar o noso apoio á supervivinte da manada de Manresa, unha menor de 14 anos violada por 6 rapaces mentres un 7º cómplice se masturbaba.

Unha vítima máis á que un fiscal volve poñer en dúbida ao entender que debía resistirse, e polo tanto poñer en risco a súa vida, para considerar que o que ela sufriu é unha violación.

Unha vítima máis, á que se culpabiliza por beber, servindo esta circunstancia como atenuante para as condenas dos seus agresores e cómplice.

A xustiza representase cega, ahora entendemos que por patriarcal, por parcial, por invidente e insensible.

Que 7 homes dispoñan do corpo dunha muller ao seu antoxo é unha violación, e si ademais no caso dunha menor aínda é máis delito, sexan cales sexan as circunstancias que o rodeen.

Representantes políticos, por desgraza temos que seguir lamentando que a formación en materia de xénero non estea chegando ao poder xudicial como vimos reivindicando dende a sociedade e desde o movemento feminista.

Cantas violacións máis deben ocorrer para que o sistema xudicial entenda?

Cantas atrocidades teremos que vivir para que se saiba o que este delito supón para unha muller ?

Cando deixarán de xulgar ás vitimas antes que aos agresores?

Fiscais, xuíces, avogados, estas actuacións no exercicio da súa profesión fannos cómplices cara á sociedade.

Pedímoslles unha vez máis que rectifiquen e que se formen para entender que cando unha muller denuncia unha violación non é un paso fácil e desde logo non é por capricho ou vinganza.

En canto á rapaza supervivinte e denunciante destes feitos, a ti e aos teus familiares, queremos transmitir o noso apoio, a nosa sororidade, nós cremos en ti e sairemos á rúa a pelexar por que se faga xustiza para ti e para todas.

Que sabemos que tes medo a ser xulgada, a ser rexeitada e que sentes vergoña, pero nós queremos que saibas que non estás soa, que o que che fixeron a ti fano a todas e que non permitiremos que a xustiza continúe cega, exiximos que cumpra o seu papel.

Concentracion en Laxe contra a violencia machista-Foto-Victor de MiraConcentracion en Laxe contra a violencia machista.Foto-Victor de MiraConcentracion en Laxe contra a violencia machista-Foto-Victor de Mira 2
Fotos de Víctor de Mira

Manifesto da Buserana

A Organización feminista Buserana apoia as convocatorias de concentración feitas para luns 8 de xullo, mais ante a imposibilidade de convocar en Cee (este verán andan algo esparcidas pola xeografía galega), fai público o seguinte comunicado:

Non hai descanso para o machismo, para a violencia sobre as mullleres de calquera idade e en calquera lugar. Ás veces, só son nenas, pero nin así hai unha xustiza que tente ser xusta, que non precise de anos e mil recursos para chamar violación a verte rodeada de catro ou cinco homes, acosada, intimidada e con profusión de imaxes que gravan eles mesmos para maior gloria da súa fazaña. Abuso, señorías. Non importa que a nena teña catorce anos e que eles foran sete. Segue viva, de ningún xeito pode ser violación. Podería terse resistido, gritado, chorado, pero quizais ata desfrutase. Quen non desfruta sendo violada en quendas de quince minutos mentres estás inconsciente. Abuso. Non cabe agresión sexual. Só eras sete homes cunha nena de catorce anos que vive baixo o temor de non ser tomada en serio, traumatizada polo martirio de que non a crean, polo calvario de ir de xulgado en xulgado escrutada coma se a delicuente fose ela.

Precisa de nós, de todas nós. Da nosa sororidade, da certeza de que non está soa, de que nós si cremos nela. Tamén na moza de Barcelona e na de Mallorca que esta mesma semana sufriron o mesmo, que non poden saír á rúa, á praia, a unha discoteca en liberdade. Non poden porque son mulleres e porque o machismo non viola, todo máis "abusa". Non podemos deixalo estar. De nós, de todas, depende que as nosas vidas muden. E iso empeza porque cada machista teña o seu castigo ata que o machismo desapareza. Encheremos rúas e conciencias contra a violencia, contra todo tipo de violencia cara ás mulleres. Porque todas somos unha!.

  • Organización Feminista Buserana.

concentracion contra a violencia de xenero 8 xullo 2019

Novas relacionadas

Comentarios