Mércores. 19.06.2019
El tiempo

Fernando Rivera, piloto de Salvamento: “A explosión das redes sociais foi clave para que a xente coñeza o noso traballo”

Tripulación do Helimer de Salvamento Marítimo que fará o pregón da Festa do Percebe do Roncudo de Corme 2019
Tripulación do Helimer de Salvamento Marítimo que fará o pregón da Festa do Percebe do Roncudo de Corme 2019
Fernando Rivera, piloto de Salvamento: “A explosión das redes sociais foi clave para que a xente coñeza o noso traballo”

Esta XXVII Festa do Percebe do Roncudo, que se celebra o 6 de xullo, arrincará dun xeito especial. Este ano, ademais de poder ser a primeira na que o evento estree a catalogación de Festa de Interese Turístico Nacinonal, a Confraría de Corme decidiu facerlle unha homenaxe aos membros de Salvamento Marítimo.

Concretamente a organización invitou aos membros do rescate dun percebeiro en Cedeira o pasado mes de setembro, pois despois de ver as imaxes o patrón maio quedou absolutamente abraiado. Así, en principio e a non ser que teñan choio, estarán en Corme dando o pregón os membros daquela tripulación: Fernando Rivera Fraga comandante piloto; Paula VanGemert, piloto; Jose luis Valcárcel Cortés, operador de grúa; Hugo Dopazo Hilario, rescatador; e Guillermo Lavia Barreiro, rescatador.

Falamos con Fernando Rivera do que significa este recoñecemento.

  • QPC: Que supón para vós esta homenaxe?

Para nós é o noso traballo pero é de agradecer que nos digan que o facemos ben. É un orgullo e unha motivación para seguir facendo o noso traballo o mellor que podemos.

É certo que o noso é un traballo vocacional, tanto para os que formamos as tripulacións como para toda xente que traballa en mantemento, pero estes recoñecementos son un aliciente.

  • QPC: Xa estivestes nalgún sarao semellante?

Pois non moitos, pero si que que temos recibido algún recoñecemento. Eu, a última que fun, foi o premio que nos deron como Galegos do Ano 2016, dende o Padroado Fogar de Bergantiños en 2016. Pero a verdade é que nunca fixemos ningún pregón de festas, non.


Fernando García, á esquerda, recollendo o premio a Salvamento Marítimo de Galego do Ano en 2016 polo Padroado Fogar de Bergantiños

  • QPC: Credes que medrou a visibilidade do voso traballo nos últimos anos?

Dende logo que si. Ata hai pouco a nosa labor estaba pouco recoñecida e pouco coñecida. Si que a xente vinculada ao mar nos coñecía, pero o resto da cidadanía non nos vía tanto. Ultimamente a raíz das explosión de internet e das redes sociais, e gracias ao traballo do propio Salvamento Marítimo en promocionar a nosa labor, vemos que hai un aumento grandísimo da nosa vibilidade. Foi fundamental a aparición das redes sociais.

  • QPC: Como é o día a día de traballo?

Na base de Salvamento do Aeroporto da Coruña, somos dúas tripulacións diarias, porque facemos turnos de 12 horas, para que o servizo estea operativo 24 horas 365 días ao ano, con resposta inmediata.

Moitas son horas de espera, con traballo de oficina, horas de ximnasio… E tamén hai horas de voo de adestramento ao mes, para manterse activos e coordinados os equipos, controlando o protocolo para traballar como un reloxo conxuntamente.

 

  • QPC: Que se sente cando hai unha chamada dun percebeiro caído ou dun naufraxio no medio do mar?

Cando estamos de garda, estamos esperando esa chamada. E cando sae esa chamada é un subidón de adrenalina e todo o mundo se pon a traballar rapidamente coa cabeza posta nos datos, e coa inminencia do rescate. Activámonos de repente e todo o mundo, absolutamente centrado sae con gañas a esa emerxencia, a ese desafío.

 

  • QPC: Como reaccionou ese percebeiro ao que salvastes en Cedeira, que se ve precisamente nese vídeo que tanto impactou polas redes socias?

Os pilotos non temos ese contacto directo, pero cos rescatadores si que amosan o agradecemento dende o primeiro momento se veñen conscientes e en boas condicións. Nese momento no que se suben a bordo do helicóptero, parece que se relaxan, que se sinten aliviados, rescatados, e as caras de agradecemento despois de verse en situación grave de vida e morte son espectaculares. Para nós esa satisfacción do agradecemento da persoa que salvas é o mellor, o que máis nos motiva e satisface. E logo vés pensando que ter sacado a este tío, que estaba nunha situación realmente complicada é un alivio.

 

  • QPC: Notades que hai máis incidencias na Costa da Morte, pois ademais da gran incidencia da pesca e do marisqueo tamén sufrimos o Corredor de Fisterra, que noutras zonas do litoral galego?

Dende Cedeira ata Fisterra é unha das zonas máis conflitivas do litoral galego. Hai bastantes incidencias, pero non só percebeiros, que gracias a dios, e debe ser pola súa profesionalidade, non son tantos comparados, por exemplo, coas caídas dos pescadores de caña. E claro, tamén temos mariñeiros de barcos de pesca ou de mercantes, e ata de turistas que se achegaron ao mar para coller un percebe e despois pasa o que pasa.

 

  • QPC: Credes que sería positiva, ou mesmo necesaria, activar a base de salvamento na Costa da Morte?

Non é a miña competencia responder a esa pregunta. E a verdade é que é moi complicado dicir si ou non, pero penso que cos medios que hai hoxe en día, cubrimos toda a comunidade nuns tempos de resposta moi bos. Dende o aeroporto da Coruña, debido á súa situación, temos unha moi alta operatividade.

Hai que dicir tamén que poucas comunidades ten os medios que ten Galicia, pois temos dous helicopteros de gran tamaño de Salvamento Marítimo na Coruña, e outros dous de tamaño medio, da Xunta, que están en Vigo e outro Viveiro, e cos catro coordinados por Salvamento Marítimo, cúbrese toda Galicia en bos tempos. Por exemplo, do aeroporto da Coruña ao Cabo Fisterra non tardamos máis de 20 minutos.

Non é a miña competencia responder tampouco a esta pregunta.

Novas relacionadas

Comentarios