Galicia escura, Fisterra viva: Historias de barcos e mariñeiros: o patíbulo (4)
Logo da pelexa épica na cuberta do bergantín 'Liberto', o capitán José Agramunt Figueroa ingresou nun hospital. Estaba acostumado a loitar contra as adversidades do mar e a superalas, con moita vontade de sobrevivir, pero agora apreciou que tocara fondo, e xa non se recuperaría. E, da intensa dor pasou á agonía e ao terrible final, falecendo o 2 de xaneiro de 1877 no hospital de Santa María Magdalena, de Almería, por mor das graves feridas sufridas logo de lograr sobrevivir milagrosamente seis días á sublevación da súa tripulación, morrendo sen haber arriado a bandeira do seu barco. E algún tempo máis tarde tamén faleceu de morte natural no cárcere de Cádiz, na prisión do Arsenal da Carraca, o contramestre Diego Rodríguez Sambade, cando esperaba ser sometido a un consello de guerra xunto aos seus compañeiros amotinados.
Malia a nosa paixón por coñecer os detalles de vidas alleas e reconstruír biografías dos nosos devanceiros, pouco saberiamos de José Agramunt de non ser polo destino que lle agardaba, unha verdadeira traxedia, un episodio que non deixou indiferente a ninguén e produciu un efecto multiplicador nos medios de comunicación da época. A partir deste feito brutal, os tres procesados polo delito de sedición con asasinato e homicidio foron sometidos a un consello de guerra celebrado o 28 de xaneiro de 1878, dous anos despois: Luzárraga e Pidal foron condenados a cadea perpetua; e Otero a 14 anos e un día de prisión maior, outorgándolle a este último unha segunda oportunidade para poder refacer a súa vida. No entanto, o Consello Supremo de Guerra e Mariña revisou o proceso e o 9 de setembro de 1878 condenou á pena de morte por garrote vil aos tres encausados, así como a indemnizar á nai de José Agramunt con 5.000 pesetas, dato que nos podía sinalar que o corcubionés estaba solteiro, ademais de pagar os desperfectos ocasionados no buque. Unha sentenza que presuntamente reparaba ás vítimas -aínda que insolventes posiblemente os condenados- e impartía xustiza para os delincuentes, todo un exemplo e un aviso para as tripulacións da época.
A sentenza foi publicada nos boletíns oficiais de todas as provincias marítimas e en todas as capitanías dos portos españois e lida en todos os buques de guerra en outubro de 1878 logo da misa e da lectura das leis penais, no primeiro día festivo. E foi executada en Almería en cuxas augas perpetrar o delito, querendo soster o principio de autoridade e disciplina que establecían as leis do mar. Para ese fin, os reos embarcaron no vapor de guerra 'Liniers' rumbo ao porto almeriense, onde foron encerrados no cárcere situado naquel entón na rúa Real da cidade. E pouco antes de que Teodoro Pidal fose agarrotado, quixo alzar a voz para preguntarlle ao seu compañeiro de infortunio, a Manuel Otero Vigo, que, segundo algunha persoa que lle visitou en prisión, tiña “unha fisonomía simpática”.
- Manuel, perdóasme?
Ao que o outro contestou:
- Non, non te perdoo, pois por ti véxome aquí.
Unha resposta que merecería unha reflexión pero todo son incógnitas. Apenas obtivemos un par de datos fiables sobre Manuel Otero Vigo. Sabemos que naceu en Corcubión o 15 de marzo de 1859, fillo de Juan e de Juana e tiña 19 anos cando foi executado, 17 cando se produciu o motín a bordo e cando decidiu, ou foi empuxado, a dar un salto ao baleiro. O que si sabemos é que unhas poucas horas antes de morrer escribiu ao dorso dun escapulario a seguinte frase: “Manuel Otero aos meus queridos pai e nai como último recordo”.
A execución da sentenza
Garrote vil (velezrubio-velezblanco.blogspspot.com)
Case dous anos despois do asasinato de José Agramunt, ás 9,15 horas da mañá do 25 de outubro de 1878 foron executados os tres reos nun patíbulo de madeira levantado preto da praia das Almadrabillas, en presenza dunhas tres mil acodes que se congregaron no lugar. O primeiro executado foi Domingo Luzárraga, de 21 anos, que se sentou no banquiño para que o verdugo exercese o seu macabro traballo. A continuación tocoulle a quenda a Teodoro Pidal, de 18 anos e de orixe asturiano, para finalmente ser executado o corcubionés Manuel Otero Vigo que se resistiu con todas as súas enerxías a sentarse e a deixarse colocar a argolla, aínda que todos os seus esforzos foron vans. Os tres cadáveres quedaron expostos ao público ata as catro e media da tarde, no escenario no que se desenvolveu o espectáculo e a traxedia.
O motín do “Liberto” levouse todo, e a todos, por diante e non sabemos que rendemento querían sacar da súa acción os amotinados. O motivo declarado polo que os cinco tripulantes puxéronse de acordo para asasinar ao seu capitán dá pé a meras especulacións. A declaración ante os xuíces de amotinarse pola escasa comida recibida abordo, cremos que esconde outros motivos que non é posible alcanzar na actualidade. Díxose que querían levarse o barco e o seu cargamento a Bos Aires, pero non está nada claro e pensemos o que pensemos nunca saberemos a realidade do acontecido. Pero, o que non hai dúbida é que coñecían o estrito das leis do mar, e que romper as regras tiña un único castigo, a morte, pero aínda así as infringieron.
En homenaxe ao capitán falecido no motin do “Liberto”, en Barcelona ao bergantín “San Salvador y Virgen de las Dolores” cambiáronlle o nome polo de “José Agramunt Figueroa”, o que supón personalizar a lenda do navegante corcubionés que xa nunca puido regresar nin vivo nin morto á súa vila natal. Un tráxico final que lle fixo merecedor dun lugar de honor e dun epitafio para unha lápida hoxe inexistente. O bergantín “Liberto” foi desguazado dous anos máis tarde en Almería, morrendo tamén o barco na mesma cidade na que enterraron ao seu patrón. Toda unha triste epopeia.
Escrito de pasamento do tripulante Manuel Otero-Arquivo Garea Aquiles
Os outros nomes
Ademais dos nomes dos barcos que citamos ata agora, hai que sinalar as polacras goletas 'Flor da Mar', de 27 toneladas e 'Langosteira', de 79; o bergantín goleta 'Amalia', de 85 toneladas e o 'Estrela', de 165; o lugre 'Calella', de 30 toneladas e a goleta 'Cisne', de 58... E para tripular todos estes buques estaban, ademais dos capitáns xa sinalados por Jerónimo Figueroa, moitos outros mariños.
Segundo os registros locais, en 1851 a municipalidade de Corcubión contaba con 1324 habitantes, dos que 235 eran “homes de mar”, representando un 17 por cento do total da poboación. Neses anos centrais do século XIX residían na localidade 17 pilotos e capitáns. E, 30 anos despois, en 1871/72 residían, 11. En 1880 quedaban en Corcubión só dous navieros: Francisco do Río Osorio e Francisco Porrúa, e en Fisterra, a viuda de Rodríguez. Nesa década soamente quedaban en Corcubión 10 pilotos e capitáns, entre eles Manuel Agramunt Figueroa, irmán do capitán do 'Liberto'; Laureano Riestra Figueroa, o filántropo do asilo de Corcubión; Francisco Porrúa Rodríguez; José Fernández Monterroso; Wenceslao Figueroa Domenech, irmán de Jerónimo; Maximino García Branco; Manuel Louro Quintana..., todo un puñado de heroes que se foron escurecendo na memoria pero que poboaron o Corcubión do seu tempo. Individuos con realidades moi diversas, persoais e profesionais, homes dun mar tan cheo de derrotas.
A decadencia mariñeira seguiu imparable na vila do patrón de Venecia. No censo fiscal de 1900 figuran soamente 58 “homes de mar”, sinalando o inicio do drástico descenso e desaparición progresiva da xente dedicada tanto á navegación de altura como á de cabotaxe e baixura. E 30 anos máis tarde, en 1930 o número de mariños/mariñeiros no censo baixou a 44, para recuperarse de forma transitoria no censo obreiro do 1933 no que aparecen 63. Oito anos despois, no censo fiscal de 1941 só aparecen 26, desaparecendo totalmente os pilotos e capitáns. Xentes que viviron verdadeiras epopeias, referentes dunha época do Corcubión mariño e mariñeiro, porque navegar por este vello mar que é a ría de Corcubión é facelo sempre pola historia, a cultura e a memoria dun pobo tamén. Un mar de augas cristalinas e area branca que rodea as illas Lobeiras e frea as súas embestidas e embates a solidez do malecón e a súa contorna litoral. Heroes de carne e óso que pasado o tempo perderon a relevancia social e en lugar de entrar na Historia, entraron no esquecemento.
(Continuará...)
- Luís Lamela. Historiador e escritor corcubionés, un activo da recuperación da memoria histórica da Costa da Morte.
Serie “Galicia escura, Fisterra viva”
- Galicia escura, Fisterra viva: Historias de barcos e mariñeiros da ría de Corcubión (1).
- Galicia escura, Fisterra viva: Historias de barcos e mariñeiros da ría de Corcubión (2).
- Galicia escura, Fisterra viva: Historias de barcos e mariños: o “Liberto” e o motín (3).