Martes. 11.05.2021
El tiempo

A grave situación do polbo enrédase no Parlamento

 

  • O PSOE pide ampliar o Plan de Recuperación da especie, ademais de coa veda aprobada, con investigación sobre as causas da caída
  • A Xunta asegura que a situación está mellorando e acusa a caída de capturas de 2020 a un proceso “cíclico”
Patricia Otero e Mercedes Rodriguez
Patricia Otero e Mercedes Rodriguez falando do polbo no Parlamento
A grave situación do polbo enrédase no Parlamento

A dramática situación do polbo na costa galega chegou ao Parlamento Galego. Son moitos os meses que levan denunciando a situación os mariñeiros de baixura de todo o país, nun ano no que a Consellería do Mar tardou ata esta pasada semana para anunciar unha veda que comezará o 30 de abril e se prolongará ata o 5 de xullo, algo máis que os últimos anos.
Faino ademais a Xunta asegurando que “hai xa unha tendencia ascendente”. Unha aseveración que non comparte boa parte dos case 1.500 traballadores que dependen directamente do polbo en Galicia, que consideran que a veda xa tiña que estar en marcha dende, polo menos, comezos deste mes.

Foi a deputada socialista Patricia Otero a que sacaba o asunto a colación na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo, calificando de “nefasta a pasada campaña”. Lembrou que as capturas caeron un 73% só na Costa da Morte, mentres que a facturación o fixo nun 40%. O sector trasladáronlle outros datos que corroboran esta baixada de capturas: o primeiro día de levantamento trala veda en 2015 capturáronse 5.000 kg, no 2019 non chegou aos 2.500 kg e no 2020 só 500 kg.

”O polbo xa non dá para vivir”, sinalan moitos profesionais, que ademais denuncian que moitos dos polbos adultos que pescan están ovados, unha captura que a normativa si permite, non como se fai ca centola. Otero pediu ampliar o Plan de Recuperación desta Especie consensuado co sector aprobado a semana pasada, cunha investigación sobre as causas da baixada de capturas.

”Tendencia ascendente”

Sorprende a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, na súa estrea no Parlamento, asegurando que a Xunta constata unha mellora na situación ao “aumentar as capturas sobre todo no mes de marzo e o índice de recrutamento de xuvenís”, asegurando que volve achegarse a cifras de 2005. Unha realidade que desmonta o sector, que asegura que o recrutamento segue a ser moi baixo con respecto aos anos pasados, e que a Xunta só contabiliza a porcentaxe de xuvenís capturados nunha xornada de traballo, utilizando como quere os datos da Unidade Técnica de Apoio a Baixura.

A directora acusou á “evolución cícicla” da especie para atopar as causas da baixada do curso pasado.

Subvencións

Pola súa parte, no seu día o BNG solicitou que a veda sexa subvencionada para as embarcacións que dependen directamente do polbo.

Artigos sobre o polbo

Outras novas

comentarios