Licitan a redacción dos proxectos de expropiación en 7 concellos para o Parque do Megalitismo
Despois de presentar en marzo o plan de sinalización das rutas e dos bens, a Deputación vén de dar un pasiño máis nesta longa carreira para sacar adiante o Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte. Faino coa saida á licitación da redacción dos proxectos expropiatorios.
O contrato abrangue actuacións nos concellos de Carballo, Laxe, Malpica, Mazaricos, Zas, Vimianzo e Dumbría e conta cun orzamento de licitación de 18.055 euros —IVE incluído—. O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto até o 25 de maio de 2026 ás 23:59 horas.
O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, destaca que «o obxectivo desta primeira fase é avanzar na adquisición dos terreos máis próximos aos monumentos e garantir a súa protección e correcta integración nos futuros roteiros e espazos visitábeis do parque». O deputado subliña tamén «o traballo coordinado que se está a desenvolver cos sete concellos implicados» e lembra que «o proxecto continúa avanzando tanto na parte administrativa e patrimonial como na definición da sinalización e das ferramentas de difusión e comunicación do parque».
O contrato ten por obxecto a redacción de sete proxectos de expropiación —un para cada un dos concellos implicados—, incluíndo os traballos de campo, documentos, planos, cartografías, informes, certificacións e fundamentos técnico-xurídicos necesarios para posibilitar a súa aprobación polos respectivos plenos municipais.
Así mesmo, unha vez aprobados os proxectos de expropiación polos concellos, a empresa adxudicataria deberá prestar a asistencia necesaria para a execución material das expropiacións.
Entre os enclaves incluídos figuran Pedra Moura de Aldemunde, en Carballo; Fornela dos Mouros, en Laxe; Pedra da Arca, en Malpica; Anta da Mina da Parxubeira, en Mazaricos; Pedra Vixía, en Zas; Casa dos Mouros ou Pedra da Arca, entre Dumbría e Vimianzo; Rabós, en Vimianzo; e Pedra da Moura de Monte Carnio.
HISTÓRICO SOBRE O PARQUE DO MEGALITISMO
- Marzo 26: Presentado o plan de sinalización das rutas e bens patrimoniais do Parque do Megalitismo da Costa da Morte
- Maio 25: Os concellos abren o proceso de adquisición de fincas para o Parque do Megalitismo da Costa da Morte
- Abril 25: Deputación e os 12 concellos retoman, outra vez, o Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte
- Outubro 24 Deputación e concellos xuntáronse para avanzar no proxecto do Parque de Megalitismo da Costa da Morte.
- Maio 24: Vimianzo solicita a inclusión do Castro das Barreiras no Parque Arqueolóxico do Megalitismo.
- Outubro 23: O Consello Director do Parque do Megalitismo da Costa da Morte focaliza os seguintes pasos na difusión.
- Novembro 21: Coristanco súmase ao Parque do Megalitismo co dolmen de Chan das Embarradas.
- Xuño 21: Xornadas de Promoción: Pondal fainos reflexionar sobre o potencial do Parque do Megalitismo.
- Maio 21: O Parque do Megalitismo avanza coa organización dunhas xornadas e o acordo para sinalizar os 17 momumentos
- 12-04-21: A Deputación e 10 concellos intentan o impulso definitivo ao Parque do Megalitismo da Costa da Morte tras 20 anos de promesas.
- Decembro 2020: A pandemia tamén provocou o eterno retraso do Parque do Megalitismo.
- Novembro 2018: O Parque do Megalitismo dá pasos concretos.
- Marzo 2018: A Deputación recupera do caixón do esquecemento o Parque do Megalitismo da Costa da Morte:
- 2014: O Parque do Megalitismo da Costa da Morte, 13 anos de quimera.
- Outubro 2011: Pasiño a pasiño co Parque do Megalitismo.
- Xullo 2008: Un paso máis cara a aprobación final do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte.