Venres. 29.03.2024
El tiempo

Mario Regueira Fernández gaña co artigo "Matar ao recadeiro" o Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

QPC é un dos diarios que colaboran na III edición do Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey do concello de Fornelos de Montes, no que resultou gañador o escritor e crítico literario ferrolán, Mario Regueira Fernández, co artigo "Matar o recadeiro”.
O acto de entrega do premio terá lugar o domingo 24 de novembro as 12h no concelo de Fornelos de Montes. Aquí queda o artigo gañador.
Mario Regueira Fernández gaña co artigo "Matar ao recadeiro" o Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

Matar o recadeiroMario Regueira Fernández Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

Sería fermoso poder dicir que apareceron como unha bandada de paxaros amarelos. Pero non hai imaxe que os acolla con facilidade. Tampouco teñen un nome claro: algúns chámanlles riders, aínda que sempre lembro con ironía que a primeira que atopei na miña cidade non cabalgaba moto nin bicicleta nin cabalo. Subía pesadamente unha costa empinada cunha enorme mochila ás costas. Nela, estampado, o nome dun servizo de delivery, outro estranxeirismo que evidencia como a aparición desta nova forma de traballo colleunos, aparentemente, co pé cambiado, que nin nomes propios temos. Seguramente un acaido sexa recadeiros. No fondo, o que fan estes novos servizos é iso mesmo, facer recados que non teñen que limitarse, nin polo contido nin polo medio, a levar comida.

Os recadeiros están para calquera cousa, prestan un servizo que hai anos pensaríamos que é prohibitivo pero que agora mesmo parece ao alcance de calquera. Teño visto con moita sorpresa como, mesmo nunha pequena cidade galega, é cada vez máis frecuente cruzarse con eles e os seus logotipos. Ter unha hamburguesa do teu restaurante favorito, cervexa fría se chegan visitas, xeo para un combinado... é tan doado como chamar ou empregar a app e unha desas persoas con grandes mochilas aparecerá na nosa porta. E poderíamos pensar, como se repite moitas veces, que é a tecnoloxía a que permite isto, que antes de estar interconectados e ter aplicacións no móbil para todo isto non sería posíbel. Teño visto algún destes recadeiros sentado na rúa, tomando algo de comida rápida mentres mira ansiosamente o teléfono por se entra unha nova encomenda. Ser recadeiro implica tamén estar atento á demanda, sexa a hora que sexa e aínda que a túa propia hamburguesa quede a medio comer.

Hai anos unha amiga economista falábame dos indicios indirectos da situación económica. Seica en épocas de bonanza a xente é máis indulxente á hora de mercar doces e a moral admite prendas máis curtas que durante as crises. Os vellos economistas crían poder percibir a marcha das cousas cunha simple ollada superficial aos carros da compra ou ás saias das rapazas. Pregúntome que papel ten a irrupción dos recadeiros nas nosas vidas, que indicio económico espertan, e se son, como moita xente di, unha bandada de paxaros, un signo de bonanza económica.

A comezos da primavera deste ano, un deses riders (este si que levaba moto) morreu nun accidente de tráfico na cidade de Barcelona. Este feito trouxo á primeira plana varias cousas que sospeitabamos. Os recadeiros non son empregados de ningunha empresa, nin sequera a dese logotipo enorme que cargan ás costas, e que, en certo sentido, tamén os despersonaliza. A maior parte traballan baixo a figura de falso autónomo e a súa relación laboral coas plataformas de delivery segue a discutirse nos tribunais, con sentencias contraditorias. De ser recoñecida, aínda habería que repasar en que condicións desenvolven o seu traballo e se vulnera, por razón de salario ou horario, outros aspectos da lexislación laboral.

Pero non podemos enganarnos, non é a tecnoloxía e o mundo interconectado o que produce esa bandada polas rúas das nosas cidades. O que sostén o negocio dos recadeiros é a falta de regulación e a tolerancia a formas de negocio que hai anos entenderíamos que rozan o escravismo. Que algo sexa posíbel non quere dicir que sexa xusto, como non é xusto que a comodidade duns poucos e as miraxes de bonanza dos outros se baseen en matar o recadeiro.

  • Mario Regueira (Mario Ibán Regueira Fernández).

Novas relacionadas

Máis novas

Comentarios