Xoves. 28.03.2024
El tiempo

“No mellor escenario a hostalería podería reabrir en xuño”

Roman Rodriguez con Jesus Picallo de Visita ao Hotel Semaforo de Fisterra vendo un mapa de Pepe de Oleghario
Jesus Picallo con Conselleiro Román Rodríguez
“No mellor escenario a hostalería podería reabrir en xuño”

Días den máxima incerteza no sector hostaleiro. O empresariado costeiro necesita información, canto antes, sobre como vai ser a saída, para poder formular un futuro. Un empresariado ademais que ten diversas situacións, pois hai xente que ten solvencia para aguantar, outros que van máis ao día e mesmo moitos que estaban empezando novos proxectos.

Tampouco son iguais as situacións dun autónomo con 2-3 traballadores que unha estrutura con 15-20 empregados. Haberá que analizar como son as medidas sanitarias, e como afectan ao investimento en mamparas ou valorar as posibilidades de traballar cunha determinada porcentaxe de ocupación. E tamén cómpre ter en conta que mesmo hai establecimentos pequenos nos que hai maiores nas propias casas.

En todo caso, “hai xente que mantén a esperanza e outros que xa flaquean, pero temos que ser cautos e seguir á espera”. O que fala é Jesús Picallo, un dos empresarios da comarca presentes nas reunións coas administracións a través de Solpor e do Cluster de Turismo, servindo de enlace con moitos empresarios da zona.

”As preocupacións do sector céntranse a día de hoxe en como van ser eses procedimentos de saída, o escalonamento. E mentres tanto toca traballar coa caixa de resistencia. O importante é saír rápido, pero máis importante é saír seguro, porque o sector está tocado pero no hundido”, apunta. “É importante que haia unha data para a apertura da hostalería, que é o motor doutros moitos sectores. No mellor escenario poñémonos é xuño””, explica despois das conversas cas administracións, pero “temos que esperar o manual de saída”.

Turismo nacional: "Galicia Calidade"

O sector ten que ir vendo alternativas a seguir para paliar a crise económica que xa temos enriba nunha comarca que ten dous focos importantes: O Camiño Fisterra-Muxía vive do turista internacional; mentres que as zonas costeiras viven do turismo nacional.

”Está claro que o sector pensa no turismo nacional como saída, poi iso creo que sería ideal recuperar a marca “Galicia Calidade”, que tan ben funcionou hai anos. É un xeito de chamar ao turismo de proximidade, turismo nacional, para evitar a dependencia do turismo estranxeiro, prioritario no Camiño. “Se puideramos abrir en xuño, podería cubrirse parte deste ano, e se non hai recaídas, aínda poderíamos prepararnos para o ano que vén”.

Situación económica

Picallo cre positivo que a a Xunta está intentando ampliar os ERTES “por causas económicas”, non só por peche, pois a situación vai ser complicada este verán para manter o equipo de traballadores. “Se se vai traballar a menos porcentaxe de ocupación, que pasa cos postos de traballo que a día de hoxe están sufrindo os ERTES, que ademais aínda non cobraron un duro?”, pregúntase.

Mentres, as medidas do goberno central céntranse no financiamento a través dos bancos, pero “hai que ser cautos cos créditos pois non sabemos se imos poder xerar negocio”, valora.

De calquera xeito, entende que esta crise “vai traer unha limpeza no sector, como en todos. Por exemplo, nos albergues, vai ser difícil a supervivencia de todos os que estiveron nacendo estes anos”.

Oportunidade

A situación pode tornarse nunha oportunidade. ”A verdade é que estaba sendo un ano importante, pero notamos que xente segue chamando para vir, tanto para excursións como para eventos. Agora ademais, contamos con que a dispersión xeográfica se convirtar nunha fortaleza. Tanto é así que é a primeira vez que un touroperador pregunta se hai un Hospital cerca”, explica.

Novas relacionadas

Comentarios