Luns. 29.04.2024
El tiempo

“Mini” Rivas e Oscar Insua insisten en potenciar a produción no agro

bng-visita-granxa-dumbria
Membros do BNG visitaron onte unha granxa de Dumbría
“Mini” Rivas e Oscar Insua insisten en potenciar a produción no agro

No marco da campaña das eleccións do próximo domingo, o deputado do BNG Xosé Luís Rivas “Mini” e o candidato da Costa da Morte ao Parlamento Galego pola mesma formación, Oscar Insua, visitaron onte luns unha explotación gandeira de vacas no lugar de Truitín, en Dumbría, na que coñeceron de primeira man os problemas que soporta o sector e sinalaron que o BNG aposta por potenciar a produción no agro. Ambos representantes nacionalistas foron recibidos pola dona da granxa, Lorena Cives, e estiveron acompañados por outros empresarios gandeiros de Dumbría e da comarca, así como polo concelleiro do BNG de Dumbría Jesús Manuel Túñez.

Durante a visita, tanto “Mini” Rivas como Oscar Insua indicaron que é necesario que a Política Agraria Común (PAC) da Unión Europea ten que adaptarse ás características de Galiza para superar os problemas que sufre o agro galego en
xeral, e o da Costa da Morte en particular. Anunciaron que o BNG desde o goberno da Xunta reactivará o Banco de Terras, "unha iniciativa posta en marcha cando o BNG tivo responsabilidades de goberno e que coa chegada do PP á Xunta se paralizou", e subliñaron que esta iniciativa "dará unha resposta á falta de superficie para a produción, e garantirá o mantemento dos terreos rurais, ao incorporarse ao banco para o seu arrendamento os terreos que non se atopen nun bo estado de conservación".

Os representantes nacionalistas lembraron que o BNG defende un novo modelo de ordenación do territorio que permita impulsar modelos produtivos que favorezan a desintensificación da actividade agraria, “co obxectivo de acadar modelos máis sustentábeis ambientalmente e economicamente, ao diminuír os custos de produción”. Mini Rivas e Oscar Insua avanzaron tamén que “o BNG promoverá modificacións na lexislación actual para dirixir a normativa de recuperación da terra agraria cara a garantir a dispoñibilidade de terreos para o sector gandeiro, a viticultura ou o cultivo, optimizando os recursos das distintas explotacións para garantir a súa viabilidade”.

Próximos actos do BNG

Hoxe, ás 11:00 horas, encontro co sector turístico no Cárcere Vello de Corcubión. Participarán Xosé Regueira e Oscar Insua, que tratarán as inquedanzas do sector.

Ás 19:00 horas celebrase un encontro aberto en Carnota (salón de actos do Concello) no que intervirán os candidatos Oscar Insua e Primitivo Pedrosa.

O xoves, día 15, ás 19:30 horas, mitin no Cárcere Vello de Corcubión. Intervirán Xabier Domínguez “Drok”, alcalde de Corcubión; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación; e Oscar Insua, candidato.

Novas relacionadas

Comentarios