Xoves. 25.02.2021
El tiempo

P.E. Monte Chan e Pena dos Mouros: A veciñanza de Laxe denuncia dous proxecto eólicos sobre Laxe, Camelle e Vimianzo

Vecinanza de Laxe
A veciñanza de Laxe participa na manifestación fotográfica dixital de Aldeas con Horizonte.
P.E. Monte Chan e Pena dos Mouros: A veciñanza de Laxe denuncia dous proxecto eólicos sobre Laxe, Camelle e Vimianzo

Seguimos descubrindo (da man das entidades socias, que non das administracións) a cantidade de Proxectos Eólicos que se están a construir na nosa comarca. Moitos destes proxectos que foron recuperados pola Xunta en pleno confinamento, proxectos que foran suspendidos aló polo 2010 por falta de garantías medioambientais e que agora o goberno galego resucitou ao amparo da súa Lei de Iniciativas Empresariais, tamén chamada Lei de Depredación.

Desta volta é a veciñanza de Laxe, e o colectivo Contramínate, a que denuncia a posta en marcha de dous novos proxectos da man da empresa EDP: Monte Chan e Pena dos Mouros.

O proxecto de Monte Chan contempla a instalación de 9 aeroxeneradores que alcanzarían unha potencia global de 46,2MW, entre os termos de Laxe e Vimianzo. Un proxecto con apenas 12 meses de prazo de execución, que parece xa estar en marcha.
O propio proxecto Monte Chan recoñece, segundo comprobou Petón do Lobo, que un dos aereoxeneradores CHN08 está sobre un dos espazos proxectivos da Rede Galega, catalogado como Paisaxe Protexida, os Penedos de Traba e Pasarela. Ademais, o proxecto tamén afecta á Zona de Especial protección dos Valores Naturais (ZPVN), Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial protección de Aves (ZEPA) “Costa da Morte”.

Ao seu carón, máis preto de Camelle, situaríase o P.E. Monte dos Mouros, con 7 viraventos de 127 metros de altura, cun total de 35 MW de potencia. Un parque que rodearía o val de Traba de escoltas xigantes, a pesar de estarmos nun Concello que en 2016 se declaraba unanimemente Libre de Eólicos.
Ambos proxectos comparten liña aérea de alta tensión (220 kV) para a evacuación.

Lugares como Cal de Perro, A Lagoa, Mato da Cruz, Pedra Raposa, Monte Redondo, Os Castrallóns, A Mixirica, o Monte de Vadalama e mesmo Os Penedos de Pasarela sufrirían o seu impacto paisaxístico.

Mapa Proxecto Eolicos Monte Chan e Pena dos Mouros en Laxe-Vimianzo e Camelle

Por iso, a veciñanza de Laxe, que está a participar na Manifestación Fotográfica Dixital Adelas con Horizonte promovida polo Colectivo Rede Galega por un Rural Vivo, quere pedir implicación da veciñanza para parar esta invasión, que podemos comprobar neste mapa:

Mapa de Eolicos entre Laxe e Ponteceso
Mapa da zona de Laxe e Ponteceso. En azul a ubicación dos actuais parques eólicos e en laranxa os de nova solicitude

Novas sobre os eólicos

comentarios