sábado. 09.11.2024
El tiempo

Canto é o impacto real do Camiño dos Faros na Costa da Morte?

Canto é o impacto real do Camiño dos Faros na Costa da Morte?
Aló por febreiro de 2013 anos recollíamos a primeira descrición do proxecto o Camiño dos Faros. Apenas un par de meses antes, 4 trasn@s e 3 cans saían de Malpica dispostos a crear unha senda polo litoral. 8 anos despois, o legado que deixan os trasn@s, trala decisión da Asociación de desistir de ser o promotor do Camiño, é incalculable, e de feito, vén de salvar este complicado verán.

Pero para facernos unha idea do que supón o mellor produto turístico creado na Costa da Morte en décadas, Travels to Finisterre, a axencia “oficial” do Camiño do Faros (isto é, a entidade que xestiona as reservas que chegan dende a Asociación, das cales unha parte repercute na propia Asociación “para contribuír á súa impagable traballo no desenvolvemento, promoción e o seu frustrado intento de homologación da ruta”), vén de facer un informe do impacto económico que ten na Comarca.

Un impacto que vai moito máis alá das cifras, pois o Camiño dos Faros convertiuse no motor turístico para zona entre Malpica e Camariñas, concellos polos que non pasa o Camiño de Santiago - Muxía - Fisterra, outro dos nosos tesouros. Un motor sostible, seguro, moi ben valorado a nivel internacional, e con gran potencial de crecemento nos vindeiros anos.

1,5 millóns, só nas Axencias

A Axencia deixa claro que o seu volume de negocio “representa só unha pequena parte do que realmente xera O Camiño dos Faros”, pois ás cifras que aporta habería que sumarlle o que se deixan nos bares, restaurantes, bares e pequeno comercio, e as dos camiñantes que veñen por libre.

Con estas premisas, asegura que o Camiño ten xerado nos últimos 4 anos arredor do 1.500.000 €/ano de volume de negocio de xeito directo (contando todas as axencias que traballan o produto), tendo en conta que as entidades traballa de xeito directo con hoteis, taxistas, empresas de autobuses e empresas de transporte de mochilas nos paquetes que comercializan.

En canto á visitantes, só a Axencia ten “movido 2.000 persoas nestes 4 anos”, unha cifra que habería que multiplicar, polo menos, por 10, aínda que esta extrapolación é moi arriscada de facer.

Que fixo a Asociación?

Travels To Finisterre, que amosa todo o seu apoio aos trans@s, o legado da Asociación Camiño dos Faros resúmese perfectamente nestes dous parágrafos:

”A lectura dos datos aquí presentados só deixa unha conclusión posible, un grupo de persoas, por iniciativa propia, conseguiron crear un produto turístico da nada e levaron turistas a unha zona de Costa da Morte á que non chegaban e un recoñecemento de marca a nivel tanto nacional como internacional que debería de ser a envexa de calquera Axencia de Marketing encargada de gestionar as campañas institucionais, e os seus elevados orzamentos.
Outra cousa non menos importante, isto non só é un produto para a xente de fóra, o mantemento desta ruta permitiu que os que vivimos nesta zona teñamos aquí á beira 200 km para pasear ao longo da costa, con todo o que iso implica a nivel local”.

”A asociación fixo un traballo ingente de documentación, estudos, contactos, reunións, etc., co único fin de conseguir que esta ruta sexa homologada e, polo tanto, garantir a súa continuidade no tempo. E co que se atoparon é cun muro de burocracia e intereses ou desintereses políticos que fixeron que cheguemos a esta situación”.

A axencia, para rematar, en clave de futuro, pide implicación empresarial para “esixir que as administracións non deixen morrer este proxecto e póñanse ao choio xa, escapando de discusións estériles, posicións partidistas e plans grandilocuentes, o que hai que facer está clarísimo a estas alturas, pero hai que poñerse a facelo xa”.

 

Repaso a 8 anos de historia do Camiño dos Faros

Comentarios