Sábado. 11.07.2020
El tiempo

A nova normalidade nas praias

Así estaba a Praia de Razo este xoves 28 de maio 2020
Así estaba a Praia de Razo este xoves 28 de maio 2020
A nova normalidade nas praias

A entrada á Fase 2 da desescalada o pasado luns 25 permitiu, entre outras cousas, que os costeiros puidésemos volver a pisar os nosos fermosos areais de forma recreativa. Un feito que veu acompañado de bastante bo tempo pero que, aínda así, non conseguiu grandes aglomeracións nas praias, cando menos polo momento. A orde indica que existe unha limitación de aforo e a superficie a ocupar por cada bañista debe ser aproximadamente catro metros cadrados.

Neste novo paso á nova normalidade, aínda que se falou dunha primeira proposta por parte da Xunta para regular o acceso aos areais mediante cita previa, esta foi rapidamente rexeitada pola Federación Galega de Municipios e Provincias ao considerar a proposta inviable. Ao tratarse dunha competencia municipal, este sistema quedaría obsoleto sobre todo en municipios nos que contan con praias de gran extensión con múltiple acceso ante a falta de recursos da administración local.

Así, de momento, son poucos os Concellos da zona que teñen pensado tomar cartas no asunto. Unha das excepcións é o Concello de Camariñas, que ven de colocar carteis informativos coas principais medidas de protección e hixiene. Unha iniciativa coa que pretenden “concienciar” á poboación, ante a falta de recursos para controlar o aforo, tal e como explicou a rexedora, Sandra Insua.

Outros, coma o Concello de Dumbría, xa pensaron en futuras medidas no caso de que se produzan aglomeracións en próximas fases da desescalada. Segundo nos explicou José Manuel Pequeño, alcalde de Dumbría, nos #DirectosQPC, a súa idea é utilizar anacos de mangueira duns 9 metros que permitan facer un cerco de seguridade e que mesmo se poidan combinar para crear un radio maior se se vai á praia nun pequeno grupo de persoas.

Aínda que xa están pensando en futuras solucións para a praia do Ézaro, Pequeño recoñece que non teñen de momento previsto levar a cabo esta medida ata que non coñezan as directrices que lles poidan impoñer para poder conseguir un verán máis o selo da Bandeira Azul. De todos modos, si teñen previsto reforzar persoal de limpeza para poder facer uso dos aseos públicos e mesmo contratar a alguén para regular o acceso á Cascada, xa que alí é imposible poder gardar a distancia de seguridade.

Por Carballo, o Concello ponse en marcha ca posta a punto nas praias, e informa quee sta semana arrincaron os traballos de acondicionamento das zonas verde, e que tamén se publicaron no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases para a selección de 30 socorristas co obxectivo de iniciar a temporada oficial a mediados de xuño.

Normas e recomendacións

En todo caso, e ante a falta de medidas inmediatas, os cidadáns debemos respectar as normas e as recomendacións por parte do Goberno sobre o acceso e uso das praias:

A Organización Mundial da Saúde afirma que o risco ao contaxio de Covid-19 polo baño recreativo é practicamente nulo ao identificarse o cloruro sódico como axente bioeficaz contra o SARS-Cov-2 e sinalou que o contaxio débese máis ben ao baixo respecto do distanciamento social na auga.

Aínda así, a pesares de que acción conxunta do sal do auga do mar, a radiación ultravioleta solar e a alta temperatura que pode alcanzar a area son factores que favorecen a desactivación dos axentes patóxenos, recoméndase limpar e desinfactar as superficies de todos os materiais que se levasen á praia, como poden ser toallas, tumbonas, sombrillas...

O principal, en todo caso, é continuar coas medidas de distanciamento social e gardar a distancia mínima de 2 metros co resto de usuarios da praia, tanto á hora de colocar a toalla coma nos baños ou nos paseos pola orilla.

comentarios