Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O BNG de Coristanco valora o rexistro no Concello e critica o PXOM de Cabana

O BNG de Coristanco valora o rexistro no Concello e critica o PXOM de Cabana
BNG Coristanco

Salta hoxe á voz pública o BNG de Coristanco, valorando dous asuntos importantes na bisbarra. Por un lado, quere trasladar o seu parecer sobre o acontecido estes días na vila de Coristanco a raíz do rexistro no Concello. E polo outro opina sobre a inclusión da mina de ouro no PXOM cabanés.

O BNG contra o alcalde

Asegura o BNG coristanqués que "quere fuxir de polémicas", pero quere "deixar con este comunicado claro o seu posicionamento, á espera de que a xustiza resolva".
Comeza sinalando que "o sr. Pensado Plágaro e o Partido Popular de Coristanco se están tomando o asunto con demasiada lixeireza, atribuindo todo a un conflito entre empresas, cando as supostas acusacións revisten moita gravidade". E recorda que "ás empresas implicadas na denuncia, cabe recordar que recentemente xa foran obxecto de investigación por presuntos verquidos ilegais nunha parcela propiedade do sr. Pensado Plágaro"

O BNG, que "considera acertado que o alcalde convocase a toda a corporación para dar explicacións"!, pero denuncia que "a xuntanza fose máis de cara á galería que outra cousa, posto que a información ofrecida foi moi escasa e que o alcalde se negou a responder as preguntas que o BNG formulou".

Así, "o BNG respecta a presunción de inocencia e o traballo da xustiza. Pero, de confirmarse a imputación do alcalde ou algunha persoa do goberno municipal do Partido Popular, o BNG esixirá responsabilidades políticas e a dimisión inmediata das persoas imputadas, de ser o caso".

Sobre o PXOM cabanés e a mina de ouro

O BNG quere que o alcalde "demostre de que lado está no conflito aberto a raíz das pretensións da empresa canadiense Edgewater de instalar un proxecto megamineiro na parroquia de Corcoesto pero con forte afectación ao noso termo municipal".

O caso é que o "PXOM de Cabana de Bergantiños segue mantendo a previsión desta explotación mineira, e para sorpresa e cabreo dos máis, a declaración de impacto ambiental do citado PXOM contén terreos tamén do Concello de Coristanco dentro do seu deseño para a citada explotación mineira".

E se ben o pleno da corporación en novembro xa reafirmou a posición contraria do Concello ao proxecto, pide ao alcalde que presente alegacións ao PXOM cabanés por invadir parte do termo municipal do que é rexedor.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios