Domingo. 13.10.2024
El tiempo

O poeta maltés Stephen Cachia critica o peche temporal do Museo da Pesca de Fisterra

O poeta maltés Stephen Cachia critica o peche temporal do Museo da Pesca de Fisterra
Alexandre Nerium no Museo da Pesca do Castelo de San Carlos de Fisterra Alexandre Nerium coida, en solitario, o Museo da Pesca do Castelo de San Carlos de Fisterra O poeta maltés e vello amigo Stephen Cachia coñeceu o mércores 23 de marzo o Museo da Pesca de Fisterra, no que máis unha vez o poeta fisterrán Alexandre Nerium engaiolounos coa súa sabedoría. Stephen Cachia é descendente dun avó mariñeiro e seu pai (que o acompanaba nesta viaxe) sen o ser coñece ben o mar, pola que a conversa foi moi produtiva para todos, como eu propio testemuñei. Tamén nesa primeira xornada visitamos a mostra de artesanía do castelo de Vimianzo, onde Stephen Cachia e seu pai conversaron cunha palilleira ou panilleira (como se dicía antigamente) sobre o encaixe, pois tamén existe na pequena illa maltesa de Gozo; o cabo Vilán; o dolmen de Dombate e o castro de Borneiro; o santuario da Barca, que foi seguido dun xantar gorentoso na casa A de Loló, e xa pola tarde no faro de Fisterra, no Museo da Pesca; na fervenza do Xallas ou do Ézaro e, de volta, a praia de Carnota subindo polas Paxareiras cara a Compostela. Da visita ao Museo da Pesca saíu o seu compromiso de escribir un poema a Fisterra, algo que xa cumpriu e que adiantei nunha anotación da miña bitácora persoal As Crebas. Na nosa relación epistolar comenteille que o Museo estaba pechado e que o seu futuro era incerto e Stephen Cachia decidiu testemuñar a súa preocupación e a súa crítica perante esa realidade e esa moura perspectiva. E velaquí o texto que nos fixo chegar, que versiono para o galego e que viña escrito nun español sen case grallas ortográficas, pois é un idioma que coñece ben desde que se decidiu a traducir fragmentos da obra de Federico García Lorca ao maltés. O Museo da Pesca de Fisterra, patrimonio único de Galicia. Por Stephen Caccia En marzo deste ano visitei Galiza co meu pai. Xa visitara esta terra tan fermosa hai máis de doce anos mais esta vez, á parte das visitas habituais a Santiago de Compostela, a súa catedral e os lugares vinculados co apóstolo, tiven a oportunidade de visitar o Museo da Pesca de Fisterra na Costa de Morte. Escribo estas palabras cunha inmensa tristeza despois de saber que hai plans para pechar este museo durante varios meses ao ano. Digo ´tristeza´ porque a impresión que me deixou o museo despois de visitalo foi moi positiva. Para min, un escritor que volveu a Galiza para comprender mellor a súa historia, cultura e antigas artes, o museo foi a parte máis significativa e a máis destacada da miña visita a Galiza. Grazas ao museo puiden comprender moito mellor o carácter único deste lugar tan emblemático da costa galega. Impactoume en particular a sabedoría e a paixón coas que o señor Alexandre Nerium explica as pezas dentro do museo. Encóntrase moi raramente a un guía tan experto e tan inspirador como o señor Nerium. As experiencias e as anécdotas que me contou durante a visita déronlle vida ás exposicións. Non teño dúbida de que esta persoa é un tesouro e un custodio único do patrimonio de Galiza. Sería unha verdadeira perda para a cultura e o prestixio de Galiza, terra de pesca e de antigos costumes, se se pechase o museo durante algúns meses do ano. Todos os que visitan Fisterra non poden comprender ben o significado das tradicións e a cultura do lugar se non acceden ao Museo da Pesca. Polo tanto, prégolles que manteñan o museo aberto durante todo o ano porque só así se pode protexer o patrimonio único de Galiza. Espero sinceramente que as autoridades responsables tomen a correcta decisión para protexer esta xoia de Galiza e así poder promocionar no mellor modo o seu patrimonio, tanto en España como no resto do mundo.
  • Stephen Cachia. Escritor e poeta maltés (xuño de 2016). (Versión galega de Miro Villar sobre un orixinal escrito en castelán)
 
  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Artigos de Miro Villar en QPC

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios