O POS negóciase… ou non
De novo volve situarse o Plan Único da Deputación POS+ como foco de problemas no seo das corporacións municipais. Un POS que revolucionou (unificou) no seu día a achega provincial, dando máis facilidades aos Concellos para escoller os proxectos prioritarios. Un POS que agora os Concellos destinan fundamentalmente a asfalto, gasto corrente e cubrir a súa conta do Servizo de Axuda no Fogar. Un POS que xa o ano pasado quedou sen chegar a Ponteceso, o único concello de toda a Provincia que perdeu o investimento, pola continua falta de negociación entre alcalde e oposición.
De feito, o asunto volve tratarse igual que o ano pasado, e os concelleiros non adscritos critican que o alcalde convoque o pleno para o POS o último día posible, "con obras consensuadas coa oposición pero sen os proxectos que se lle pediron feitos", que pode supoñer a perdade de 447.000€.
Se ben hai poucos problemas nos Concellos onde o grupo de goberno ten maioría, como Cabana, Mazaricos, A Laracha ou Camariñas, outra cousa acontece nos Concellos con diversidade no pleno. Xa o ano pasado o POS aprobouse no desconto en Concellos como Muxía, gracias á vontade dunha oposición que nin fora informada. Este ano, veremos que acontece na vila da Barca, unha vez que o BNG vén de anunciar o seu compromiso para apoiar os orzamentos, despois de que o grupo de goberno aceptase incluír unha obra no plan: a depuradora de Quintáns.
Por Cee, o asunto parece encamiñado, e seguramente sairá hoxe aprobado sen problema, gracias ás negociacións e acordos previos coa parte do espectro político.
Vai máis alá o BNG de Cee que presenta unha “oferta de diálogo á alcaldesa para aprobar os orzamentos 2022”. O voceiro do BNG pide varias cousas como “crear un punto concreto e definido de Becas–bolsas de estudo para alumnado”; “pór en marcha un plan de mantemento das depuradoras de augas residuais do rural”, “recuperar as subvencións as entidades culturais e veciñais” e ampliala a deportistas; “crear unha partida destinada a agrupación de protección civil”; “aumentar a partida a Fundación Fernando Blanco”, “creación dunha plan de adecuación dos camiños e recollida de augas no rural”, “posta en marcha dun plan de choque para rematar coas barreiras arquitectónicas e o aumento da seguridade vial nas nosas estradas”.