Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Os Premios María Casares traen tres galardóns para a Costa

MARTA LADO recollendo un premio Maria Casares
Marta Lado recollendo un dos premios Maria Casares- Foto: LaDiapo/AAAG
Os Premios María Casares traen tres galardóns para a Costa

Acollía este pasado xoves o Teatro Rosalía da Coruña a glamourosa gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia volveu unir á escena galega nunha nova gala reivindicativa e circense, ambientada na época do Imperio Romano.

Gala dos Maria Casares 2019-LaDiapo:AAAG
Imaxe da gala trasladada ao imperio romano. Foto: LaDiapo/AAAG

Foi a presidenta da AAAG, Mabel Rivera, a que tivo que poñer o discurso máis polémico da noite, explicando por que a gala non era retransmitida pola TVG. “Non conseguimos nunca que a gala se emitise nun horario razoable e pola primeira canle. Intentouse ano tras ano, pero este último non tivemos sequera a opción de expoñer directamente -e de negociar- as nosas peticións diante de alguén, sermos recibidas por alguén. E até aquí chegamos”.
Non quedou aí a explicación, se non que Rivera, unha clásica das series da canle, Rivera, criticou que “a resposta por parte da canle pública non estivo nunca á altura da nosa contribución á normalización da lingua, e non só no tocante ao teatro senón a todo o panorama cultural de Galicia na súa diversidade, na súa calidade, na súa creatividade, na súa profesionalidade, nas diferentes manifestacións que enriquecen a vida cultural, a intelixencia e o espírito crítico da xente do País, e que a canle pública ten a obriga de ofrecer en toda a súa amplitude. Pois ata aquí”, concluíu Mabel Rivera.

Pero o máis relevante para a nosa zona é que 3 dos premios que outorgou a Asociación viñeron para a Costa da Morte. Unha das grandes triunfadoras da noite foi a compañía costeira Talía Teatro, pois o seu espectáculo “O servidor de dous amos” gañou dous premios: Mellor Maquillaxe, nas mans de Martina Cambeiro; e á Mellor Actriz Secundaria para a fisterrá Marta Lado.

Tamén saíu con premio María Lado, coa que falamos esta mesma semana, ao gañar xunto con Iria Pinheiro o premio ao Mellor Texto Orixinal por “Anatomía dunha serea”. Unha obra que levou ademais o premio á mellor actriz Protagonista, a propia Pinheiro.

Quedou ás portas Víctor Mosqueira, pois o Mellor Actor Protagonista levouno Miguel Borines, pola Casa do Rei.

IRIA PIneiro E Maria Lado cos Premios Maria Casares
Iria Pineiro e María Lado- Foto: LaDiapo/AAAG

 

Próximo Congreso de Teatro

Paralelamente a Academia Galega de Teatro,  vai realizar a presentación o vindeiro martes do I Congreso Internacional do Teatro Galego. Congreso organizado coa colaboración de diversas institucións e asociacións sectoriais tanto de Galicia coma de fóra, celebrarase no Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela os días 25, 26, 27 e 28 de marzo de 2020.

Novas relacionadas

Os #MaríaCasares

Comentarios