Os produtos km.0 da Costa da Morte triunfan no Fórum Gastronómic de Barcelona

11:37 08/11/23
Tralo paso polo Xantar, a delegación gastro-turística da Deputación da Coruña trasladouse ata Barcelona para participar durante estes luns, martes e mércores, no Fórum Gastronómic de Barcelona. Como en Ourense, a Costa da Morte foi protagonista do posto e das actividades de promoción da expedición comandada polo vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, co lema ‘A provincia que sabe’.

Porque en Barcelona se valora moito “os produtos locais, de KM0, moi vinculados ao territorio”, e aí quixo poñer o foco a Deputación como “un dos maiores atractivos gastronómicos”. Así, foron pasando personalidades do mundo das gastronomía e a hostalería da nosa comarca.
- Degustación de vermús Green Mixology e Bravú, elaborados con auga da Costa da Morte;
- Showcooking de Silvia Facal, do Restaurante Balarés (Ponteceso), que cociñou berberechos do Anllóns e xarda de Malpica e verdinas de Coristanco.
- Degustación de fabón con nécora a cargo da Despensa D’Lujo.
- Os cociñeiros Adrián Loureiro e Alberto Cuenda, de Furna Atlántica de Caión (A Laracha) cociñaron unha caldeirada de peixe de tempada de Caión ao estilo tradicional, e un molete de tenreira galega ao estilo da Furna.
- Os fogóns de Pepe Senande, do restaurante “A Muradana de Muros” fixeron un menú composto por un risotto de centola da ría e tempura de berberechos e alioli de alga percebe.
- Elaboración do ritual tradicional da queimada, que arderá no Fórum ás 16:00 horas da man de Miguel Queiro e Gonzalo Viñas.
