O Parlamento abre finalmente unha mesa de traballo para a homologación o Camiño dos Faros

Despois do paso de hai dúas semanas pola Comisión do Parlamento, coa triste resposta de Nava Castro, o deputado do PSOE Martín Seco volveu sacar a necesidade de homologar o Camiño dos Faros como Ruta de Longo Percorrido, e darlle un impulso a un produto turístico absolutamente consolidado, e regalado á administracións dende a cidadanía, que aporta 20.000 visitas anuais á Costa da Morte e Bergantiños.
A repregunta do PSOE (que pide ademais non roubarlle o nome en alusión ao proxecto posterior da Ruta dos Faros) lembra que a Consellería de Medio Ambiente aínda non resolveu a avaliación de impacto ambiental proposta pola Asociación, e non entende por que a Federación Galega de Montaismo esixe un 10% e mentres europea permita ata o 20% (o Camiño dos Faros ten un 11,5 por cento de asfalto non urbano, e a Asociación ofreceu un informe con posibles solucións).
Pero sobre todo, a repregunta ía enfocada á abrir unha mesa de traballo multilateral enfocada na homologación. Unha mesa na que participen a Xunta, a Deputación da Coruña, os alcaldes dos 9 concellos polos que transcorre o Camiño dos Faros, a Asociación de Turismo Costa da Morte –ATCM-, a Asociación Camiño dos Faros e a Federación Galega de Montañismo.
A mesa aprobada
Finalmente, o Parlamento demandará á Xunta crear a mesa de traballo. Así o recoñecía o deputado popular, o carballés Rubén Lorenzo, que coñece ben o potencial da senda.“Compartimos coa Asociación Camiño dos Faros o obxectivo de que esta ruta exista e perviva no tempo, ao tempo que a faga moita xente co máximo respecto pola natureza”, sinalou o deputado popular.
Pero non todo foron boas palabras. Se Nava Castro utilizaba o propio informe dos trasn@s en contra da viabilidade do Camiño, Lorenzo, explicou que a homologación do Camiño dos Faros como ruta de gran percorrido corresponde á Federación Galega de Montañismo, polo que “a Xunta non pode nin debe promocionar e recoñecer ningunha ruta que con conte coas garantías mínimas establecidas”. Así, apuntou que “existen tres puntos importantes que bloquean esta homologación: os aspectos ambientais, o paso por fincas de titularidade privada e a porcentaxe de quilómetros de asfalto existentes na propia ruta”.
En todo caso, onte si indicou que hai vontade da Xunta para conseguir a homologación “co apoio do traballo feito pola fundación Galicia sustentable, ven apoiando aos concellos a través do seu xeodestino e do seu órgano xestor”.
Repaso a 8 anos de historia do Camiño dos Faros
- 03-12-2020: A Xunta ríese dos trasn@s e dubida da seguridade e da conservación dos espazos naturais do Camiño dos Faros.
- 27-11-2020: Os trasn@s ofrecen un informe técnico e medioambiental para demostrar a alta calidade da ruta o Camiño dos Faros.
- Novembro 2020: O PSdeG reclámalle á Xunta que desbloquee a homologación da Ruta dos Faros.
- Outubro 2020: Canto é o impacto real do Camiño dos Faros na Costa da Morte? .
- Outubro 2020: A Asociación Camiño dos Faros cansa e desiste de ser o promotor da homologación da ruta GR.
- Agosto 2020: O Camiño dos Faros está salvando o verán.
- Xullo 2020: Os trasn@s percorren a bisbarra.
- Xuño 2020: Por que non se homologa o Camiño dos Faros? Os trans@s rebentan contra as administracións.
- Maio 20: Foro: O Camiño dos Faros non só é bonito, é emocionante”.
- Xaneiro 2020: Os trasn@s plántanse e non farán o Camiño dos Faros 2020 en protesta pola falta de apoio das administracións.
- Novembro 2019: O Camiño dos Faros, Premio Galicia de Turismo 2019 polo seu 7º aniversario.
- Xullo 2019: Os alcaldes da bisbarra esixen a homologación do Camiño dos Faros como ruta de gran percorrido, tras 5 anos de trámites.
- Marzo 2019: O Camiño dos Faros véndese en Francia.
- Decembro 17: A Deputación aproba o financiamento do proxecto de homologación do Camiño dos Faros como GR.
- Xaneiro 2017: A Xunta corrobora o seu compromiso para axudar a homologar o Camiño dos Faros como GR.
- Decembro 2016: O Camiño dos Faros cumpre 4 anos.
- Novembro 2016: O Camiño dos Faros, produto estrella na World Travel Market.
- Xuño 2016: Novo compromiso para homologar o Camiño dos Faros como Ruta de Gran Percorrido.
- Xaneiro 2016: Os pioneiros trans@s mapean o Camiño dos Faros coa tecnoloxía de Google.
- Novembro 2015: Os alcaldes únense á loita pola homologación do Camiño dos Faros como Sendeiro GR.
- Decembro 2014: A Costa da Morte aposta unida por un Camiño dos Faros Ruta de Gran Percorrido.
- Abril 2013: O Camiño dos Faros ábrese ao mundo.
- Febreiro 2013: Percorrendo a pé, e con Traski, o Camiño dos Faros da Costa da Morte