Xoves. 02.05.2024
El tiempo

Rogelio Antelo, enfermo de Ataxia: “Dame moita rabia que a xente pense que estou borracho”

Rogelio Antelo Ataxia Costa da Morte
Rogelio Antelo por Corcubión
Rogelio Antelo, enfermo de Ataxia: “Dame moita rabia que a xente pense que estou borracho”

Atopábase o outro día pola rúa paseando Rogelio Antelo cando os canciños dun par de señoras se lle botaron aos pés. Rogelio perdeu o equilibrio e tivo que apoiarse nunha parede para non caer. As señoras, lonxe de pedir desculpas ou preguntarlle se estaba ben, mirárono mal e seguiron andando.

Son a clase de situacións nas que a Ataxia Costa da Morte lle xoga as peores faenas, a nivel social. “O que máis rabia me dá é que pensen que vou borracho”, explicaba graficamente Rogelio durante a presentación do Partido Solidario dque a Selección da Costa Feminina xogará este sábado en Agra da Filgueira en favor da Asociación Galega de Ataxias.

Rogelio, ademais, é abstemio de toda a vida, polo que esta problema na fala, como que lle patina a lingua, un dos síntomas máis visibles da Ataxia, é dos que máis lle molesta. Así e todo, a súa personalidade faille ver a vida cun sorriso, cualidade que vén de vello, non dende que aos 45 anos comezou a ter síntomas da enfermidade.

A ATAXIA

Contaba Rogelio que na Costa da Morte a enfermidade que leva ese nome (unha das ataxias máis estranas) ten máis presenza pola zona de Bergantiños, onde hai moitos pacientes por Buño (de onde era seu tío), Malpica, Cabana... Pero tamén é consciente da presencia dunha persoa en Cee, e outras zonas da comarca, entre as 200 persoas que a padecen. 
Curiosa é a vinculación da Ataxia Costa da Morte, a SCA36, con Xapón, pero así de rara é esta enfermidade rara.

Trátase dunha enfermidade conxénita, pero non todos os parientes a sofren. 

Fisioterapeutas

Pero a Ataxia ten problemáticas máis graves. A mobilidade e o equilibrio son síntomas tremendamente graves. O mesmo día da presentación Marcos Veloso, Secretario da AGA, presentábase en Muros con dúas muletas, e demostrando unha problemática moi severa coa mobilidade, que non lle impide, porén, conducir o seu propio vehículo adaptado.
Rogelio, pola súa parte, pode camiñar sen axuda de bastón, e de feito, cando máis anda, mellor se sinte. Necesita quecer os músculos para ter mellor mobilidade.

Vén aquí unha das problemáticas máis evidentes destas enfermidades, para as que as Asociacións como a Asociación Galega de Ataxia (tamén a de Princesa Rett, para o que se destinarán os fondos do partido solidario da Selección Feminina en Louro) deberían axudar máis: o fisioterapeuta é unha necesidade básica para estas persoas.
Rogelio tivo que deixar de ir porque non pode costealo coa súa pensión, a pesar da melloría que recoñece que lle producía.

Aproveitamos para rescatar esta entrevista que David Lourido lle fixo a Rogelio Antelo hai 5 anos, e que está perfectamente vixente. Representa moi ben o que implica sufrir esta singular enfermidade, e explica como foi o proceso para detectala.

Máis novas

Comentarios