Solicitan a mellora da estrada Carballo-Santiago ante un novo accidente
Non é a primeira vez que vemos estas estampas na estrada CP-1914, que une Carballo e Santiago, á altura de Entrecruces. Este camión esvaraba onte no lugar e acababa saíndo da estrada, E para evitar que se repitan estas situacións, o Concello de Carballo solicítoulle á Deputación que mellore o firme da vía na contorna do lugar de Sabadín.
O Concello pide tamén a reposición dunha marquesiña en Vivente, na parroquia de Santa María de Ardaña. trátase dun espazo onde numerosos veciños e veciñas, nomeadamente cativos e cativas, esperan o autobús decotío. Ante o comezo do curso e a chegada do inverno, o Concello solicita ante a Deputación provincial que coloque unha nova o antes posible.
Obras do POS
Ademais, o Concello informa das obras que se están levando a cabo en numerosas vías do Concello e incluídas no POS 2014. Nestes momentos, as máquinas están traballando, dentro da actuación de "Ampliación e reparación en varios viais estruturantes das parroquias de Noicela, Lema, Oza, Bértoa, Sísamo e Goiáns do Concello de Carballo", na limpeza de cunetas nos camiños de Pedra do Sal á estrada de Caión, de Rebordelos a Sambade, das Encrucilladas á estrada de Caión por Vilar do Carballo, de Bértoa á estrada de Razo, de Xoañe a Piñeiro e, xusto hoxe, no camiño de Outeiro ao límite co Concello de Coristando. Tamén están presentes, dentro do proxecto para a "Construción de sobreanchos e mellora do firme en varios camiños das parroquias de Berdillo e Sofán no Concello de Carballo", no camiño de Moucho-As Airas, de Moucho-Praza Sofán e de Paradela-A Piña. E por último, dentro do proxecto de "Rebacheo e reparación en varios camiños das parroquias de Carballo e Sofán no Concello de Carballo", os operarios traballan en As Labradas-Vista Alegre, A Carracha-Paradela, Ramiscosa-Santa Margarita, Guitoi-Troiáns, e, xusto hoxe, en A Barreira-Ponte Rosende.
Así mesmo, a empresa Alejandro Martínez vén de rematar, dentro do proxecto financiado con cargo ao remanente de tesourería titulado "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Oza, Entrecruces e Rus no Concello de Carballo", as melloras nos camiños do lugar do Rodo, do Cruce de Pereiro Vello, do lugar de Cótaro, do Curce de Caxín, do Cruce a Alborís, do Cruce a Outón, do lugar da Braña, do camiño de Sabadín a San Paio, dos camiños do lugar de San Sadurniño, de Calvos a San Sadurniño, do lugar de Calvos e de acceso a Calvos. Ademais, hai que mencionar que nestes momentos están en proceso de adxudicación os traballos para a realización de rebacheos nas vías secundarias do municipio, así como a reparación de camiños forestais e o viario da zona costeira.