En que investiron o POS os Concellos da Costa da Morte?

Analizabamos no mes de abril como investían os 19 Concellos costeiros os cartos do Plan Único da Deputación. Mesmo o noso especialista en Economía Municipal Domingo Guerra daba a súa opinión sobre este Plan que permite mellorar a eficiencia das subvencións ás administracións locais, así como aumentar a súa liberdade para escoller onde investir os fondos.
En calquera caso, comprobamos que o gasto corrente e asfalto foron os principais destinos dos 19 millóns (10 ademais doutros 9 pendentes de aprobar no POS Adicional) que a entidade provincial destinou aos concellos da bisbarra.
Obras
Hoxe a Deputación fai repaso máis concreto deses investimentos do POS+2022, e traénos cifras concello a concello. A cifra de Investimentos é a máis importante, con case 5,5 millóns de euros. É aí, entre as máis de 60 obras que se executan con eses cartos, onde se inclúen as obras de asfaltado de pistas e acondicionamento de estradas. Así, algúns concellos destinan integramente a parte de investimentos do POS a estas melloras viarias: Concellos de Dumbría (197.774 €), Fisterra (150.155 €), A Laracha (423.382 €), Laxe (133.572 €), Malpica (213.285 €), Muxía (485.093 €), Vimianzo (175.471 €) ou Zas (394.657 €).
Porén, tamén hai concellos que escolleron proxectos humanización de rúas e espazos públicos, mellora nas redes de iluminación e saneamento, ou actuacións en instalacións municipais.
Entre os investimentos a propia Deputación destaca a mellora da iluminación do campo de fútbol do complexo deportivo As Eiroas de Carballo (260.065 €), a conservación e mantemento da piscina municipal da Rocheira (209.479€) e renovación do campo de fútbol da Rocheira (176.466 €) en Coristanco, construción dunha senda peonil a Lingunde (71.662 €) en Camariñas, melloras de saneamento en Borreiros (Cee), rúa xeneral Mourelle (Ponteceso), rúa Salvador Allende (Corcubión), e O Piñeiro (Coristanco), entre outras.
Gasto Social
Outra partida, esta imposta con bo criteiro ao noso entender pola Deputación, é a 1,5 millóns de euros destinados para financiar gastos sociais.
As contías repartidas nos diferentes municipios oscilan entre os 20.249 euros de Corcubión e os 196.229 euros que recibe Carballo. Reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais e axuda no fogar, creación de axudas para a cobertura de necesidades básicas coma vivenda, alimentación, gastos médicos e farmacéuticos ou escolarización dos colectivos máis vulnerables son algunhas das cuestións ás que os concellos están a destinar estes fondos.
Gasto Corrente e redución de débeda
Só Coristanco e Muros non destinaron parte do POS a financiar gasto corrente, que inclúe servizos básicos como o alumeado municipal ou a recollida de lixo.
E o únicos concellos da comarca que destinan este ano parte dos fondos a redución de débeda son Camariñas, Carnota e Muros.