Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Unha marea de axuda humanitaria carballesa para os refuxiados dos Balcáns

Unha marea de axuda humanitaria carballesa para os refuxiados dos Balcáns
Lorena Marrozos en Serbia Lorena Marrozos colaborando cos refuxiados na zona de Velika Kladusa, un campamento non oficial Este mes está na Universidade de Santiago facendo un Curso de Axente Social de Integración de Refuxiados. Pero xa ten billete de ida (de volta nunca colle) para voltar aos Balcáns o vindeiro 16 de agosto. A carballesa Lorena Marrozos Cancela leva os dous anos da súa vida dedicados a axudar aos demais. Tras 11 anos traballando ordinariamente na banca (é Economista de formación), decatouse de que o que lle facía feliz estaba moi lonxe das oficinas. Despois de dúas estancias como voluntaria en Guatemala e Nicaragua, emprendeu hai uns meses a súa aventura balcánica. Unha viaxe de axuda humanitaria para centos de refuxiados de todo o mundo que malviven nas zonas de Serbia, Bosnia e Croacia, atrapados no seu camiño por unha vida, por un futuro. ”Esta realidade veume nova, e que me parece de emerxencia, e me aventurei a coñecela de golpe”, cóntanos. Lorena traballa practicamente en solitario, en nome da pequena e case unipersoal ONG Jutt Helping People, e coa colaboración, neste caso de Acción Norte, a través da cal levarán un camión modificado para ofrecer duchas, cargado de material humanitario, ata a zona de Velika Kladusa. Unha zona esquecida do mundo, fóra deses campos de refuxiados oficiais que a día de hoxe, se ben ofrecen algo de comida, non son máis que cárceres ao aire libre, dos que non se pode saír. “É importante estar tamén fóra dos campos de refuxiados”, conta, “porque non teñen nada, de repeten só te teñen a ti”, explica, falando da súa experiencia neste pasado mes e medio entre Serbia (Sobotica) e Bosnia, sendo un dos lugares onde peor se está poñendo a situación na fronteira de Serbia con Croacia.

”Sácame unha foto e conta o que nos pasa, por favor”

E precisamente é o esquecemento mundial o que máis desespera aos refuxiados. Sirios, pakistaníes, afganos, iranís, kurdos... e tamén somalís, sudaneses, marroquíes… piden unha e outra vez que se conte a súa historia, pois non entenden como a comunidade internacional pode facer caso omiso da súa situación. Todos en xeral o que piden é que fagan fotos. Podes facerme unha foto, podes falar de min, as autoridades maltrátannos e nos esquecen. Preguntan moito se en España se fala deles. E por iso empecei a escribir, e para min é moi bonito contar a súa historia. É case imposible poñerse na súa situación, pero é importante intentalo. O único que quero é axudar, difundido e falando das súas historias”. Centos de persoas que sofren, ademais do desdén das administracións, as inclemencias do cambio climático, con grandes treboadas que destrozan unha e outra vez as súas precarias tendas de campaña. Campamento de Refuxiados de Velika Kladusa copia Campamento de Refuxiados non oficial de Velika Kladusa, en Bosnia

Nova viaxe cargada de ilusión e axuda humanitaria

Ela ten billete de avión a Belgrado (dos baratos con varias escalas…), e dende Zamora sairá cara Velika Kladusa. Un camión modificado para ofrecer servizo de duchas. Un camión que irá cargado de axuda humanitaria, para a que que a sociedade galega está colaborando activamente. Dende onte e ata este xoves 19, son varios os puntos de recollida de axuda pola xeografía galega, pero segundo lle contaban, a vila de Carballo (onde máis contactos ten) está sendo a máis solidaria. Os puntos de recollida voluntarios (Casino1889, A tenda Croa do Castro, a Adega o Lagar, Interfilm e a Libraría Teldy) están recibindo mareas de axuda. “Estamos recollendo moitísimo, máis do que esperábamos. En cidades como Vigo, Santiago, algo en Coruña, pero aínda máis en Carballo, ademais hai dúas organizacións de Madrid que que se puxeron en contacto comigo e tamén van enviar unhas doazóns importantes directamente a Zamora”, explica. ”Está chegando un pouco de todo, levouse bastante roupa, mesmo doazóns de roupa nova, pero tamén teléfonos (unha das cousas máis importantes) e tamén produtos de hixiene, mantas, mochilas, xoguetes… Pero é certo que falta algo de roupa interior nova, e sobre todo faltan cartos, fundamental por varias razóns: necesitamos comprar calzado, que non os permiten atravesar a fronteira, para comprar o gasoil, e para comprar comida para eles”. Por iso anima a todo o mundo a colaborar nunha conta do Banco Santander ao seu nome (ES50 0049 6769 1327 9000 7690), e a que se achegue aos puntos de recollida ata o xoves, a deixar esas cousas que aínda fan falta, pois o sábado vai levar todo o recollido ata Zamora, pois o camión de Acción Norte arrinca o luns. Cambio de axuda humanitaria que saira de Zamora para Serbia Camión de axuda humanitaria de Acción Norte que sairá de Zamora para os Balcáns

”Crúa experiencia”

”A verdade é que despois de 11 anos de traballo de oficina, estes dous anos que levo axudando é un cambio radical. Por agora non teño necesidade de volver traballar, por iso os meus recursos económicos e enerxéticos van enfocados a outras persoas, e tamén, iso si, ao enriquecemento persoal, porque hai que recoñecer que cando descubres que facer isto é como te enches, é case como un proceso un egoísmo absouto”, recoñece. ”En todo caso, eu fun soa por unha cuestión sobrevenida, pero non lle recomendo a ninguén ir soa a ningún voluntariado, e menos a situación de vida ou morte, de pura necesidade. Atopei unha situación realmente cruenta. Situacións moi duras as que te conta a xente e as que vives a nivel persoal, como o mal que pasei o primeiro día que quedei soa na casa, nun lugar por onde non pasou nin o Google Maps”, sinala graficamente. “Hai situacións moi extremas, que non se poden contar porque non se creerían, porque é moito peor a realidade que a ficción. Creo que se digo cousas que vivín a xente non as crería”. Ademais, “na zona dos Balcáns non se fala inglés, é complicado, pero si que entre os refuxiados sempre hai alguén que o fale, entón permite que haia unha boa comunicación. O que máis me tocou foi o relato das persoas, porque están totalmente desesperadas, e sempre repiten que “non temos futuro”. A carballesa Lorena Marrozos en Serbia A carballesa Lorena Marrozos axudando nos Balcáns

”As pequenas cousas que me fan feliz”

Hai pequenos detalles que “lle enchen”. “Entre os halagos máis bonitos que recibín, foi o dun rapaz de 16 anos ao que lle pasara de todo, que falaba en términos de suicidio porque non tiña futuro, que non quería vivir porque sentía ira. E estiven pasando un rato con el, con cercanía, pero sen demasiado cariño porque non había tempo. E cando cheguei de volta mandoume un mensaxe que me dá as gracias porque soñou comigo, co meu cariño e os meus abrazos, e que ten algo de espereranza, e forzas para seguir vivindo. Cando che din algo así, xa ten sentido ter vivido para min”, recoñece emocionada.

Política a peor

Facendo unha ollada á política internacional e ás posibles solucións do conflito global, Lorena ponse seria e chea de rabia. “A Unión Europea non está axudando en nada, agora deixando que sexan os países os que decidan se acollen ou non refuxiados, e xusto cando a dereita está sendo cada vez máis forte, como Hungría, onde a partir de outubro apóbase unha lei que permite criminalizar ás entidades e persoas que axuden aos refuxiados, e mesmo poden aprobarse cousas semellantes en Croacia e Serbia. Ademais, os cartos da UE van para crear fronteiras e crear grandes muros. A política segue empeorando”, lamenta. ”A ruta típica de fuxida é a que pasa por Serbia, Hungría… pero a cousa está moi crúa. Hai “pasadores” profesionais que van guiando aos refuxiados, pero a situación é insostible. A Policía de Croacia está sendo moi dura na fronteira con Serbia, pegando e ata roubando”. Lorena remata incidindo na “importancia de formarse e informarse”, lonxe da crítica fácil sen coñecer os problemas. “Non é a migración que nós vivimos, é unha migración de vida ou morte, porque se non se moven morren, directamente. Por iso, cando chego de volta e escoito as queixas dos meus familiares ou amigos, sempre lles digo que deixemos de queixarnos, que fagamos o mundo un pouco mellor dende o noso recuncho, portándonos ben cos nosos propios veciños, que é o que podemos facer”.  

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/unha-carreira-solidaria-en-muros-para-construir-unha-vivenda-na-republica-dominicana/ https://quepasanacosta.gal/unha-expedicion-da-costa-toma-nota-do-conflito-en-palestina/

Comentarios