Unindo a Senda do Xallas e o proxecto de Turismo Científico do Monte Pindo

A pasada mañá de mércores, tivo lugar unha importante reunión na Deputación para dar un paso importante na vertebración do territorio e na posta en valor do río Xallas e do Monte Pindo. Levan en marcha varios anos fraguándose paralelamente o proxecto da Senda do Xallas, no que participaban Santa Comba, Zas e Mazaricos; e o proxecto de Promoción do Turísmo Científico do Monte Pindo, no que participaban Dumbría e Carnota.
A idea que está collendo forma, e que ten moitos visos de saír adiante e conseguir unha boa cantidade de fondos europeos a través do Plan de Estratexia de Sostibilidade Turística en Destinos que se impulsa desde o Goberno Central, é fusionar os dous proxectos nun proxector integral vertebrado polas augas do río xalleiro.
Asistiron á reunión convocada polo vicepresidente da Deputación e responsable da área de turismo Xosé Regueira, a Alcaldesa de Santa Comba, María Pose; Alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño; Alcalde de Mazaricos, Juan Blanco; Alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido “Moma” e o Alcalde de Zas, Lolo Muíño, ademais de técnicos da área de turismo da Deputación e varios técnicos municipais como o xalleiro José Manuel Rodríguez.
A Deputación e os concellos xa se puxeron a traballar para a realización dun proxecto o máis completo posible que vincule nunha gran actuación o o río, o mar, a natureza e o patrimonio deste territorio, fomentando así a protección do medio natural, a eficiencia enerxética, ademais de aportar novas opción de ocio activo na natureza.
Hai boas esperanzas de converterse en realidade, pero ademais Regueira ratificou o seu compromiso de manter os investimentos provinciais confirmados para os proxectos paralelos.
Cómpre recalcar tamén que houbo concellos como o de Santa Comba que apostaron dende o primeiro minuto para esa conexión entre o nacemento do río Xallas e a desembocadura na fervenza do Ézaro.
Novas relacionadas
- Abril 21: Unha senda unirá polo río Xallas os tesouros fluviais de Mazaricos, Santa Comba e Zas.
- Febreiro 2020: Mazaricos e Santa Comba continúan traballando para facer realidade a Senda do Xallas.
- Novembro 19: A "Senda do Xallas", que fará transitable 64 km do río costeiro, vai collendo forma.
- Xullo 19: Mazaricos unificará unha rede de máis de 100 km de sendas .
- Abril 18: Santa Comba aposta polas sendas fluviais nas marxes do río Xallas.