Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Unha viaxe á historia do Bravú na Costa da Morte

Disco Rock na Costa da Morte 1992
O Disco "Rock na Costa da Morte" foi un fito que precipitou o estoupido do Bravú
Unha viaxe á historia do Bravú na Costa da Morte

Corrían os primeiros anos 90 e Galicia vivía unha explosión de música contemporánea. As guitarras comezaban a chegar ás casas das aldeas e as rancheras da verbena comezaban a maridar cos temas de Siniestro Total ou os de Clash. A Costa da Morte non era allea e ducias de rapaces se puxeron a tocar nos galpóns.

De súpeto, como cogumelos, comezaron a agromar bandas que combinaban eses son cañeros co uso da lingua galega. O orgullo lingüísitico xa era, en si, un perfecto vínculo dende o que se podería artellar un movemento cultural. E coa necesidade de xuntarse e de crear a súa propia etiqueta, as bandas galegas crearon no 1994 o concepto do rock “Bravú”, do rock “sen capar”.

Foi no ano 94, precisamente o ano da primeira emisión do Xabarín Club na TVG, cando se creou esa etiqueta. Foi unha noite do 31 de outubro de 1994, a noite antes do II Castañazo Rock de Chantada, nunha bacanal de cocido e licor café, cando se asinou o chamado “manifesto de Viana” (pola Taberna chantaina onde se celebrada o banquete), co que se formaliza o concepto Bravú.

Nese banquete estaban Os Bocheciñas (A Coruña-Vigo-Potugal), Os Skornabois (VIlanova de Lourenzá e Mondoñedo), Os Papaqueixos (A Coruña), Os Diplomáticos de Monte Alto (A Coruña), Yellow Pixoliñas (Monforte), Vergalludos (A Coruña), O Caimán do Río Tea (Ponteareas) e os Rastreros (Chantada), e por suposto, Os Impresentables de Vimianzo.

Mentres o Xabarín Club (coas luces e sombras naqueles tempos xa que dende a TVG non se lle fixo caso a todas as bandas) encumbraba entre a mocidade a moitas destas bandas (aínda se oen os ecos do Xabarín coa creación dunha canle infantil e Xuvenil na TVG) comezaron a crearse proxectos comúns, como o que cristalizaba no disco Unión Bravú” (1996) e na revista “Bravú” (1997).

Disco Union Bravu 1996

Antes, en 1993, xa estaba nas tendas o vinilo “Rock Na Costa Da Morte”, o primeiro gran bombazo deste movemento na comarca despois de varios anos ofrecendo concertos e festas por toda a comarca. Un disco fraguado entre Cerceda e O Couto, gravado por Pablo Calleriza e Alejandro Casteleiro, que se financiou co concerto de presentación na Sala A Vieira (Ponteceso), onde tocaron todas as bandas e se conseguiron recaudar 800.000 pesetas.

O disco trae os seguintes temas:

  • Oscura es la vida (La Crema, de Carballo).
  • Por qué me tuvo que pasar (Desertores do Arado, de Cerceda).
  • Maruxa (Os Impresentables, de Vimianzo).
  • Cando algo funciona mal (Malavida, da Laracha).
  • Por la senda del sol (Troleblues, de Laxe).
  • O home bala (Zënzar, de Cerceda).
  • No teu rostro (Zënzar).
  • En cuarentena (Troleblues).
  • Un 9 de agosto (Malavida).
  • Enséñame a hacer el amor (Os Impresentables).
  • Hombres solitarios (Desertores do Arado).
  • Dark Lights (La Crema).

Pero son moitos máis as bandas que formaron parte desta onda musiqueira costeira, facendo grandes xestas en espazos como a Sala As Airas (Carballo), a Disco Canal 36 (Malpica), Pub Komic (Baio), O Hilton (Vimianzo), o Pub Túnel (Santa Comba), a Disco Enredos (Laxe)… ou en festivais como a Festa das Letras do Couto, ou o I Concerto Rock Costa da Morte celebrado en Laxe.

Aquí facemos unha colleita que esperamos nos axudedes a completar, para ademais ir debulando a historia de cada banda:

  • Os Impresentables (Vimianzo).
  • La Crema (Carballo).
  • Zënzar (Cerceda).
  • Desertores do Arado (Cerceda).
  • Trouleblues (Laxe).
  • The Sastre (Laracha)
  • Malavida (A Laracha).
  • Os Trámites (Carballo).
  • Cen-tolos (Laxe).
  • SobreKarga (Ponte do Porto).
  • Papirus (Fisterra).
  • Ke-Lanse (Camariñas).
  • The Lirios (Santa Comba).
  • Papirus (Fisterra).
 

Contidos audiovisuais sobre o Bravú

Galiza Bravú from Xaime Miranda on Vimeo.

 

Novas relacionadas

Comentarios