Vimianzo e Laxe únense de novo para esixir que a Xunta comece o Plan Estratéxico dos Penedos
Xa van case dous anos dende que os Concellos de Vimianzo e Laxe comezaron a unir forzas para poñer en valor os Penedos da Traba e Pasarela. Era a primeira vez que as administracións se unían, en serio, para continuar un proxecto no que a sociedade civil ten volcado unha ilusión inmensa.
Tardou 10 anos a Xunta en sacar do caixón o proxecto de posta en valor do único espazo catalogado como Paisaxe Protexida, pero xa vai ano e medio dende aquela, e pola comarca non se teñen novas da administración autonómica. Tampouco os orzamentos se lembran dos Penedos.
Por iso, os Concellos volven camiñar da man para facer realidade o Plan Estratéxico, buscando o apoio da Xunta á que enviarán un escrito esta semana. Así o abordaron esta fin de semana nunha visita in situ das dúas delegacións municipais, formadas pola alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, o alcalde de Laxe, José Luís Pérez Añón, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción Económica de Vimianzo, Rosa Blanco, o concelleiro de Deportes, Protección Civil e Policía Local, Mario Andújar, a concelleira de Comercio, Hostalería e Cultura de Laxe, Raquel Lema Allo, así como os técnicos de deportes e Vimanzo, Víctor Santos, e de Turismo de Laxe, María Mato.
Ademais de ser Paisaxe Protexida, e dos singulares fitos xeográficos que a conforman, como a Torre da Moa, Pena Forcada, Pedra Cachucha, O Berrón, ou a Aguia, os Penedos contan cunha pegada cultural e literaria baseada en lendas e tradicións. Por todo iso, o potencial turístico deste espazo vai máis aló do estético, do científico, ou da práctica do deporte en contacto coa natureza.
Accións
Entre das accións propostas está sinalizar e acondicionar a ruta de sendeirismo que transcorre pola formación rochosa, habilitar prazas de aparcadoiro e mellorar o acceso aos visitantes.
Antes terán que definir as intervencións, tramitar os permisos da Xunta, e solicitar apoio económico da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.
Pero enfocan o proxecto en 4 fases, comezando polo deseño das rutas, pasando polas obras e equipamento, a homologación e a divulgación.
NOVAS RELACIONADAS
- Lema Suárez: O proxecto dos Penedos de Traba e Pasarela, "en serio", desde hai ben anos.
- Novembro 19: Os Concellos de Laxe e Vimianzo retoman, en serio, o proxecto dos Penedos de Traba e Pasarela.
- Decembro 2018: Os Penedos xa ten imaxe para o seu póster.
- Novembro 2018: 10 anos despois a Xunta comeza a traballar no Plan dos Penedos.
- Setembro 2018: Os penedos cobran vida.
- 2018: Laxe e Vimianzo únense para reivindicar os Penedos como #moitomáisquepedras.
- 2018: Augusto Pérez-Alberti: “É lamentable que a Xunta non fixera nada dez despois da declaración dos Penedos de Traba e Pasarela como Paisaxe Protexida”.
- 2018: Unindo forzas entre Concellos para salvar os Penedos
- 2016: O SEMESCOM presenta dous calendarios para o 2016 con imaxes dos Penedos de Pasarela e Traba.
- 2014: Vimianzo esixe o Plan de Conservación dos Penedos de Traba e Pasarela.
- Os vídeos da Semescom: Os penedos de Traba e Pasarela.
- 2009: Os Penedos de Traba e Pasarela son oficialmente Paisaxe Protexida.
FONTE
- Redacción de QPC ([email protected]).