Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A Xunta volve abrir unha convocatoria para o práctico portuario sen atender ás demandas da Costa da Morte

Embarcacion de fondeo hoxe xa no porto de Laxe
Porto de Laxe
A Xunta volve abrir unha convocatoria para o práctico portuario sen atender ás demandas da Costa da Morte

Dende marzo levan alertando dende o sector do mar da Costa da Morte o recorte que supón a renovación do servizo de practicaxe na zona. A xubilación do actual profesional provocou que a Xunta abrise unha convocatoria para cubrir esa praza, que debería dar servizo aos portos do Corredor de Fisterra (Corcubión, Cee, Corme, Laxe e Sada), tendo que estar á disposición de Capitanía Marítima as 24 horas e os 365 días do ano.

A convocatoria quedou deserta, e malias peticións do BNG, a Xunta vén de abrir unha nova convocatoria, sen modificar ningunha das condicisión, reiterando unha “altísima probabilidade de que quedase deserto, co gravísimo problema que iso suporía para a seguridade de navegación na zona”, lamenta o BNG. “Un despropósito no que se perpetúa agora Portos de Galiza cando, por un erro non explicado no procedemento, realiza unha nova convocatoria para cubrir o servizo e non corrixe as eivas denunciadas no prego nin os recortes orzamentarios”.

Ante a situación o BNG, a través do parlamentario carballés Daniel Pérez, propuxo na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento Galego que se deixase sen efecto ese prego, que se tramitase un novo que corrixise as eivas substanciais do publicado e que revisasen as condicións económicas. Pero o PP vetou a iniciativa argumentando que “as eivas non eran tales e que o servizo estaba garantido, podéndose recorrer, se fose necesario, aos prácticos dos outros portos autonómicos”.

Para o BNG este veto é “unha irresponsabilidade, porque ante unha emerxencia o práctico do porto máis próximo (que sería o de Ribadeo) tería que percorrer 250 km e realizar tres horas de viaxe até a Costa da Morte. Ou que no desempeño das súas funcións ordinarias tería que percorrer máis de 400 km nun día para dar a saída a un barco en Viveiro e asistir a outro en Corcubión, por poñer un exemplo”.

Novas relacionadas

Comentarios