Os portos do Corredor de Fisterra poderían quedar sen servizo de practicaxe
Levou esta pasada semana o BNG ao Parlamento Galego unha iniciativa para revisar condicións para cubrir a praza do práctico dos portos da Costa da Morte. Un asunto tremendamente importante, ao falarmos do responsable do asesoramento aos capitáns na manobra para atracar, un papel vital para a seguridade dos nosos portos que teñen que estar a disposición de Capitanía Marítima as 24 horas e os 365 días do ano.
Portos conta con tres prácticos para o conxunto dos portos autonómicos: un para Corcubión, Cee, Corme, Laxe e Sada (corredor de Fisterra), a piques de xubilarse; outro para Ribadeo e un terceiro para Cariño, Viveiro e Burela.
No prego de contratación os prácticos son os que facturan directamente ás navieras, pero deben ter un fixo cun mínimo asegurado” para garantir o servizo no caso de que a facturación non cubra os gastos de explotación. Porén, segundo denuncia o BNG, no “prego de condicións” dos portos do corredor de Fisterra, publicado en marzo, non se respectan esas premisas: exclúese o porto de Sada, figuran erros substanciais no relativo a limitar o horario de manobras atendendo ás mareas (cando non é necesario), elimínanse as zonas de fondeo e redúcense drasticamente as condicións económicas ao recortar case á metade os gastos de explotación e o “mínimo asegurado”.
”Isto supón, na práctica, que o servizo quedará deserto, ao non compensarlle a ningún práctico asumilo nesas condicións”, denuncia o BNG.
Durante a Comisión de Pesca, o Partido Popular vetou a iniciativa argumentando que o servizo está garantido, xa que se podería recorrer, se fose necesario, aos prácticos dos outros portos autonómicos. “Iso suporía que, ante unha emerxencia, o práctico de Ribadeo tardaría case tres horas en chegar a Corcubión ou Cee, ou que, en funcións ordinarias, teña que recorrer máis de 400 km nun día para dar a saída a un barco en Viveiro e asistir a outro en Corcubión, por poñer un exemplo”, denuncia o BNG.
Novas relacionadas
- Xuño 22: Piden a revisión do prego de condicións para cubrir a praza do práctico dos portos da Costa da Morte.
- Maio 22: O “práctico” dos portos, un posible novo recorte da Xunta.
- Maio 22: “As cotas do abadexo son un paso máis para desguazar a pouca frota que queda de pesca artesanal”.
- Marzo 22: O BNG denuncia un novo recorte nos servizos do ISM.