9 autores carballeses presentan as súas Follas de Carballo


Hoxe, xoves 29 de decembro, ás 20.30 h, o Pazo da Cultura de Carballo acolle a presentación do libro Follas de Carballo, unha publicación da AC Lumieira na que participan sete autores carballeses, con cadanseu relato. O libro, co que se conmemora o 35 aniversario da Agrupación Cultural Lumieira, está coordinado por Nel Vidal e ilustrado por Alberto Varela Ferreiro; da introdución encargouse o catedrático de lingua Xosé Ramón Freixeiro Mato e do prólogo o historiador Xan Fraga.
Na presentación estarán boa parte dos participantes na obra, que non son outros que Xurxo Borrazás, Fernando Cabeza Quiles, Xurxo Chapela, Rosalía Fernández Rial, Farruco Graña, Henrique Mariño e Ignacio Silva (autores/a) e Alberto Varela Ferreiro (ilustrador)
Follas de Carballo
Follas de Carballo é un libro de autoría múltipla que presenta a vantaxe da súa variedade, que permite confrontarmos estilos e temáticas diferentes, con historias ambientadas en épocas que van desde o recuado período medieval á actualidade, pasando polo século XVIII, nas cales están presentes os motivos habituais na vida e na literatura: amor, erotismo, morte, saudade, loita, memoria, música, etc.
Na maior parte delas latexa a presenza da Galiza como espazo en que transcorren os feitos narrados, mais tamén a xeografía bergantiñá serve de marco espacial, como non podía ser menos, para as aventuras dunhas personaxes que se moven por Carballo, Malpica, Razo, Baldaio ou Caión, entre outras localidades tan características e definidoras do ser e da esencia bergantiñáns. É a lingua, de todos os xeitos, a que marca a galeguidade dos textos compilados neste volume e a que os insire nun sistema literario galego cada vez máis consolidado e firme, ao cal viñeron contribuíndo de forma destacada os escritores bergantiñáns e hoxe contribúen de xeito singular os autores e a autora destes relatos.
O libro estará á venda polo prezo de 12€ na propia presentación e tamén na Libraría Brañas de Carballo.
Os Autores
Xurxo Borrazás
É un dos autores máis destacados da narrativa galega actual e naceu en Carballo (1963). Recibiu o Premio da Crítica Española en 1994 por Criminal (Sotelo Blanco, 1994). Ademais da súa recoñecida obra narrativa (Cabeza de chorlito, Eu é, Pensamentos impuros, Ser ou non, Costa Norte/ZFK, Covalladas...), tamén cómpre destacar o seu papel como tradutor, como articulista na prensa (El País, Tempos Novos...) e como crítico do noso sistema sociocultural (ensaio Arte e parte, por exemplo).
Fernando Cabeza Quiles
Natural de Ponferrada (1953), mais, cos anos que leva en Carballo, é xa galego bergantiñán. Filólogo e mestre, é un dos máximos coñecedores da toponimia galega, como demostra, entre outras obras, a magna Toponimia de Galicia (Galaxia, 2008). Publicou varios libros de relatos, tanto dirixidos a adultos (Chamáchesme moreniña ou Domingo de resurrección) como a nenos/as (O segredo dos zapatos ou Contos azuis) e participou en varias antoloxías poéticas.
Xurxo Chapela
Carballés (1968) que, segundo el, "nunha decisión moi pouco atinada", estudou Xornalismo. Na actualidade traballa no Diario de Bergantiños. No ámbito narrativo obtivo accésit no Premio Ourense de Contos nos anos 1998 (con "Rúa Muíño") e 1999 (con "Cuarto baleiro") e publicou a novela xuvenil, que define como "xoguete cómico", Con Aroa, o último verán (Sotelo Blanco, 1999). Proximamente publicará o libro de poemas Primavera de navallas.
Rosalía Fernández Rial
Naceu en 1988 e é, ao mesmo tempo, carballesa e muxiá. Licenciouse en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, estudou e toca o acordeón, fai teatro afeccionado e, sobre todo, escribe. Como poeta, ten publicados dous suxestivos e coidados libros, En clave de sol (2009) e Átonos (2011); ambos os dous levados á escena con espectáculos literarios, pictóricos e musicais.
Farruco Graña
Aínda que estabelecido en Ribadeo, naceu en Carballo (1966) e é profesor de Filosofía en Tapia de Casarego (Asturias). Como narrador publicou a novela O bosque de Nadgor (2007) e participou en diversas obras colectivas. Ten desenvolvido, ademais, un intenso labor como articulista, en medios como La Voz de Galicia, El Progreso, Xornal de Galicia, Vieiros, Galicia Confidencial, GZNación, Crónica3 - A Mariña, La Comarca del Eo ou A Nosa Terra.
Henrique Mariño
Xornalista que naceu en Carballo en 1975 e traballou, entre outros medios, nos xornais La Voz de Galicia, El Mundo ou Público, onde escribe o blog Solución Salina. Tamén traballou na axencia Efe e fixo radio en RadioVoz, Radio Galega, Cope ou Caracol Radio. En 2006 concedéronlle o Premio Nacional de Xornalismo Álvaro Cunqueiro.
Ignacio Silva
Mozo nacido en Carballo (1978), licenciado en Dereito e que ten recibido numerosos premios polo seu labor narrativo. En 2011 publicou o seu primeiro libro, Cara B (Xerais), unha obra que recolle tres novelas curtas, ou relatos longos, premiados nos certames literarios da Pobra do Caramiñal, Ribeira e Soutomaior: Cela Aberta, Vertixes e Escintileos.
Alberto Varela Ferreiro (Ilustración e deseño)
Naceu en Carballo (1963) e xa desde novo é un afeccionado ao debuxo, polo que participou en revistas na escola Fogar e no Instituto Alfredo Brañas. É licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, e especialista en deseño, actividade na que traballa acotío no ámbito audiovisual. Ademais ten publicado como ilustrador e autor libros para nenos/as (Lume, Anamarciana, Brrumm-Brrumm, Dona Landra no Río Revolto...) e participado en diversas publicacións como debuxante, ademais de ter realizado exposicións.
Novas relacionadas
- Un derroche de emoción no Recital de Manolín.
- A Semescom difunde os Faros da Costa da Morte cun Certame de poesía.
- Un derroche de arte poético na vila da poesía.
- QPC e outros medios do país presentan a campaña “Vitaminas para o Galego”.
- Diana Varela presentou o seu primeiro poemario dixital aos fillos de Pondal.
- 11 tapas seguen correndo esta fin de semana polos bares de Muxía.
- Ramón Caamaño escoulleu as fotos que mellor reflicten a beleza muxiá.
- Muxía respostou na presentación de As Crebas.
- Unha viaxe pola metonimia galega a través da Bretemada de López Abente.
Fonte
- Concello de Carballo.