Martes. 25.06.2024
El tiempo

A lingua confíase aos nenos

A lingua confíase aos nenos
Os peques do CEIP Muíños vólcanse cos libros Non hai moito, un amigo meu da Paradanta, mestre sen praza, contábame con auténtica devoción o seu paso polo Colexio de Camariñas. Tras percorrer medio país de centro en centro, sempre cunha presencia maior nas cidades que no rural, a súa estancia en Camariñas deixoulle mella. "Ata un neno me dixo en clase de lingua castelá: Profe, eu prefiro escribir en galego, que en castelán non se me dá!". Contábamo tan sorprendido como entusiasmado, mentres recoñecía que non puido conter o sorriso e que no canto de botarlle unha bronca ao pequeno deulle unha aperta… Iso si, tocaba castelán e ao final, todos puideron, sobradamente, escribir os seus textos na lingua veciña. I é que ata Camariñas, a meirande parte dos seus pequenos alumnos falaban castelán. Vigo, Coruña, Santiago, Ferrol… percorrera varios centros e o feito de escoitar un grupo de alumnos falar integramente en galego lle parecía un auténtico alento de esperanza. Esperanza a que lle deron aqueles nenos, que o día da súa marcha (voltaba a mestra con praza da súa baixa) lle regalaron un balón, ou máis ben, "O Balón" (con maiúsculas) do recreo, asinado por todos eles. Outro amigo contábame a súa experiencia dando un curso en Muxía a pequenos sobre informática. Este, como é afincado na zona, non reparou ata o terceiro día, que todos, absolutamente todos, falaban en auténtico e verdadeiro "ghallegho da Costa". Unha delicia para os seus oídos. Pero fixo un repaso pola súa infancia, 20 anos atrás, no corazón da Coruña, e recordaba como daquela todos se rían dun simpático rapaz de Carballo que falaba galego. Así crece Galicia, a medias. Se nas cidades continúa o galego sendo lingua de mofa, nas vilas o castelán é símbolo de "esnobismo", demostrando que aínda, mesmo entre os pequenos, as linguas se diferencian por clases. A visión de país é máis que preocupante para os comprometidos habitantes das cidades. Mentres, os que vivimos nas vilas, sabemos que o futuro está garantido. A Galicia rural segue a ser maioritariamente galegafalante, e malia o tirón urbano, a auténtica indiosincrasia galega segue estando no campo, no agro, no mar. O futuro está neles.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios