A SEMESCOM recolle as Romarías da Costa da Morte nun libro
Ten o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) unha nova cita cos libros este venres 25 de novembro. A partir das 17:00h, a Librería Brañas carballesa acolle a presentación das súas 5 últimas publicacións, todas enfocadas á divulgación do patrimonio cultural da Costa da Morte.
3 deles presentábanse o pasado mes en Baio, pero desta volta hai algunha máis. Estas son os que se presentarán na comarca de Bergantiños este venres:
- "O hórreo atlántico e fisterrán. Cabazos e cabaceiras da Costa da Morte e Barbanza", da autoría de Xosé Mª Lema e Carlos F. Concheiro.
- "Dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte", da autoría de Xosé Mª Rei Lema.
- "Textos literarios sobre a Costa da Morte", da autoría de Xosé Mª Rei Lema.
- "Iconografía xacobea nas igrexas e santuarios da Costa da Morte", da autoría de Xosé Mª Lema e Eva Mª López Añón.
- "Romarías da Costa da Morte", da autoría de Xan Fernández Carrera e Manuel Vilar Álvarez.
Romarías da Costa da Morte
Precisamente hoxe centrámonos no libro das romarías que presentarán dous pesos pesados do eido cultural costeiro como son Xan Fernández Carrera e Manuel Vilar.
A publicación consta de 86 páxinas e conta con 68 fotografías, antigas e modernas, de cada unha das celebracións. Nas páxinas finais leva un mapa de situación das 49 romaxes citadas.
Sinopse
Tras unha ilustrativa Introdución, na que se analiza o sentido das festas populares e, especialmente, o sentido de “ir de romaría”, os autores presentan, en primeiro lugar, un detallado estudo das cinco principais romaxes das comarcas da Costa da Morte: o Cristo de Fisterra, a Barca de Muxía, San Fins do Castro (Cesullas-Cabana), Santo Hadrián do Mar (Malpica) e os Milagres de Caión (A Laracha). En cada unha delas trátanse os seguintes aspectos: a situación do santuario; a lenda que lle deu orixe; a imaxe obxecto de culto; a historia documentada; a descrición da romaría, en base ós costumes antigos e os cambios recentes.
O terceiro punto son as outras romarías da Costa da Morte, por concellos. Deste xeito, no de Cabana de Bergantiños analízanse a do Carme do Briño, a do Espiño da Eirita (Anos), a de Santa Margarida de Baneira e Santa Mariña do Remuíño (Corcoesto), san Ramón do Esto e san Brais de Folgoso (Riobó); no de Camariñas, a festa do Carme e a Virxe do Monte da vila camariñá, a de Santa Mariña e san Bartolo de Arou (Xaviña) e do Espírito Santo de Camelle; no de Caballo: San Paio da Devesa, santo Hadrián da Piña, santo Antonio de Vilardefrancos e a romaría do Bosque de Añón, entre outras; no de Carnota: a Virxe dos Remedios de Lira; no de Cee: a festa da Xunqueira da propia capital, santo Hadrián de Toba e san Pedro Mártir, entre outras; no de Corcubión: as Mercedes e san Pedro da Redonda; no de Coristanco: santo Antón da Agualada, santo Hadrián de Verdes e santa Ana da Rabadeira; no de Dumbría: a Virxe das Neves e santa Lucía de Olveira, entre outras; no da Laracha, santa Margarida de Montemaior e santa Marta de Soandres; no de Laxe: santa Rosa de Lima, os Milagres de Traba e tamén a modernísima representación do Naufraxio; no de Malpica: o Espírito Santo de Barizo e santa Filomena de Buño, entre outras; no de Muxía, a Santiña de Trasufre, san Roque de Chorente, Santa Mariña e san Miguel de Coucieiro, entre outras; no de Ponteceso: Nosa Señora do Faro, santo Hadrián de Corme e san Vicente da Graña; no de Vimianzo: a Faguía de Carnés, e Concepción de Castrobuxán, san Fins de Cambeda, san Bartolomeu de Salto, santa Mariña de Paizás, santa Cristiña de Berdoias e Nosa Señora de Monte Torán (Bamiro); no de Zas: san Roque do Monte (Mira), santa Margarida de Muíño e san Ramón do Allo.
Novas relacionadas
- Patrimonio e música mestúranse en Baio.
- Sinopse dos 3 novos libros da SEMESCOM.
- A bitácora da semana (CXLIV): As Crebas de Miro Villar.
- Unha viaxe en linguagalega pola arqueoloxía da Costa da Morte coa SEMESCOM.
- Da importancia de que os escolares coñezan o valor patrimonial da Costa a base de excusións.
- O cante coral invadíu as Terras de Soneira.
- A SEMESCOM felicita a tres grandes das nosas letras e ciencias.
- Visitando os Faros e as Igrexas da Costa da Morte en vídeo e pola rede coa SEMESCOM.
- Notas dunha viaxe ao Fisterra córnico con Manuel Vilar.
- Unha de Cruceiros co Seminario de Estudios Comarcais para abrir o 2011.
- Redacción de QPC ([email protected]).