Axenda costeira para a fin de semana de Defuntos


Último día de outubro, noite de Samaín, e primeira fin de semana de novembro co Día dos Defuntos. E a Axenda Costa da Morte chega algo escasa. Ademais, lamentablemente parece que o tempo cambia "radicalmente", como nos contan os amigos de 4gotas no exclusivo parte meteorolóxico costeiro:
Remata outubro e remata o "veroño", é dicir, este tempo de verán en pleno outono.
A medida que avance o venres irase cubrindo o ceo e zoando o vento. Será un vento do sur que acadará refachos de 80-90km/h (puntualmente algún superior) entre a madrugada do venres e primeiras horas da tarde.
Tralo vento chegará a chuvia. Afectará primeiro aos puntos entre Carnota e Fisterra e ao final da tarde chegará ata Malpica. Choverá durante a noite e a madrugada.
O sábado apenas o fará e por momentos haberá bastante sol, pero ollo, cunha importante baixada das temperaturas. Irá fresco.
O domingo de madrugada volverá a chuvia. Seguide os prognósticos en www.4gotas.com, porque pode haber cambios, pero semella que as chuvias persistentes pararían ao final da mañá, e no resto do domingo habería 3-4 chaparróns puntuais (algún intenso) e con vento forte.
Xornadas Micolóxicas
Cambia o tempo, parece que pensando nas esperadasXornadas Micolóxicas Costa da Morte que cada ano arma a Asociación Micolóxica Naturista Pan de Raposo. Unha exposición con preto de 200 especies de cogumelos, con visitas guiadas pola mesma, degustacións e charlas, forman a oferta desta exaltación do reino funghi dende Cee.
Lembrando aos Defuntos
Unha das citas da fin de semana darase en Corcubión, onde a Capela do Pilar acolle unha exposición de fotografías de Ramón Caamaño. Exposición exclusiva de imaxes relacionadas co día dos Defuntos, do mítico fotógrafo muxián, que se inaugura o venres e que estará aberta a fin de semana.
Un venres completo de teatro e música
A noite do venres chega cargada. Teremos unha das últimas citas co FIOT de Carballo, desta volta coa compañía chilena (unha das sesións internacionais) El ViajeInmóbil, que trae a súa particular versión do Otelo.
Teremos tamén unha orixinal Haloween Jam Sesion en Laxe, con músicos da zona interpretando clásicos ante un auditorio disfrazado!
E en clave musical poderemos ir ao Ézaro, ao Concerto dos míticos Recambios Tucho, con varios membros dos Herdeiros que farán os seus clásicos versionados en “ghallegho” para “ghosar”.
E tamén teremos Festas en Ponteceso, recuperando a do martes da Barquiña que houbo que suspender. Non se perdoa unha…
Versionando en Cee
Terá a noite do sábado tres citas musicais en Cee, todas de versións. O Woodstock Bar acolle o concerto de Pablo Navas “Yeyo”, mentres que no Parrulo estarán Alan Acoustic Project. E para rematar, O Triskel recibe a Gramola.
Teatro sabatino e dominical
E para sábado e domingo, teatro, moito teatro. O sábado comezaremos con Talía Teatro en Vimianzo, levando o seus Bicos con Lingua en nome de Queremos Galego. Ademais, teremos outra cita co FIOT, coa representación dun grande da escena peninsular, Rafael Álvarez “El Brujo” co seu Anso de Oro.
E o domingo, A Escola de Teatro de Zas leva Os Calzurras ao MOTA de Laxe, mentres que terá lugar o peche do FIOT coa catalana Setze Fetges Assoclats, con Sergi López facendo de Livingstone.
Máis información
Tendes toda as citas debulladas en:
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).