Axenda festexeira da primeira fin de semana de agosto na Costa da Morte
Chega por fin o mes máis agardado na Costa da Morte. Agosto arrinca cheo de actividades e festas, e cun tempo variable, como nos contan os amigos de 4gotas:
”O tempo da finde non recordará para nada á estación na que estamos. Baixarán as temperaturas respecto a estes días pasados e chegarán moitas nubes e chuvia.
O venres será un día con bastantes nubes, só no mediodía e primeiras horas da tarde abriranse claros. Orballará na madrugada e contra a noitiña é moi posible que volvan os orballos. Especialmente ao litoral entre Fisterra e Carnota e as zonas altas do interior da Costa da Morte.
O sábado será o peor día. Especialmente pola mañá cando choverá e mesmo pode caer algunha treboada. A partir do mediodía as chuvias serán máis illadas, pero seguirán presentes. Malia que non chova seguido, algún chuvasco será intenso e haberá moitas nubes.
O domingo pola mañá amencerá con moitas nubes e mesmo orballará, pero a medida que avance a mañá iranse desfacendo as nubes e semella que na tarde haberá moito sol, aínda que sen "calorazo”.
De festivaleo
E a Festa da Carballeira de Zas, o festival decano da Costa da Morte. Con 31 anos ás súas costas, a Carballeira de Velar acollerá unha nova edición desta, unha das citas máis importantes do folk galego. Budiño e John Whelan serán os cabezas de carteis para este sábado 2 de agosto.
Para os máis popeiros e indies, a cita será en Razo, co Festival Sereas e Piratas, mesturando música e deporte nunha paraxa incomparable.
Unha de festas
Como non podía ser doutro xeito, as festas son unhas grandes protagonistas, se ben están gardando forzas para as vindeiras dúas fins de semanas, as que teñen máis citas festexeiras do ano. Unha das máis completas é a XXIX Festa da Praia do Ézaro, que a piques de cumplir os 30, continúa mesturando música, troula e deporte.
Outra das grandes propostas da fin de semana é a Festa do Longueirón de Fisterra, que este ano chega, ademais da gastronomía, co I Encontro Pirata, unha representación para non perdela!
Este venres 1 de agosto é o gran San Fins do Castro, unha festa con historia, con puntos forte como o Berro Seco, o Santo de Pólvora ou a guerra do viño. Teremos tamén as festas San Fins de Cambeda e mais as Festas do Carme de Carantoña, Vimianzo, e as Festas de San Isidro de Quintáns, en Muxía.Tamén teremos unha boa cita na Festas do Carme de Louro con 3 días de troula e gastronomía na vila muradá.
Música, libros e escultura
Para o venres teremos tamén varias de citas culturais, como a presentación dun libroque une Cee e Cartagena, e a inauguación da exposición de escultura de Javier Lavandeira en Vimianzo.
Pero nós, destacamos o Concerto do grupo local Trolebús na Ventana de Laxe, para comezar un mes agosto de vertixe musical en Laxe.
E para os máis nostálxicos, dúas citas coa música de sempre no X Festival de Habaneras de Corme, e o Memorial Manuel Rebollar de Cee.
Máis información
Tendes toda as citas debulladas en:
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).