Axenda para unha fin de semana de teatro, música, vodas e natureza


Última fin de semana de xaneiro e primeira de febreiro, todo xunto. Pero o que non para é a Axenda Costa da Morte, chea de eventos para estes días. Pero antes de repasalas citas, botamos un ollo ao que nos contan os amigos 4gotas.com, no exclusivo parte meteorolóxico costeiro que nos contan que nos queda moito inverno por diante:Por mor do achegamento dunha profunda borrasca desde Escandinavia a fin de semana será de inverno na Costa da Morte. Teremos forte vento do noroeste durante toda a fin de semana (o domingo perderá algo de forza), con ondas que estarán entre os 6 e os 7 metros (o domingo tamén máis baixas).
O venres e o sábado o ceo estará gris con chuvias persistentes. O sábado pola tarde algo máis intermitentes, pero acompañadas dalgunha saraibada e algunha treboada illada. Nos cumios máis altos do interior verase auganeve e mesmo algunha folerpa.
O domingo o ceo alternará nubes e claros, pero seguirán os chaparróns. Algo máis espallados no tempo que o resto da fin de semana, pero algún deles intenso. Será o día máis frío malia o sol.
Un venres de música e teatro
A primeira das citas da fin de semana terá lugar en Carballo, no marco dos Venres Culturais, coa chegada de Chévere Teatro e a súa Ultranoite. Unha cita cunha das mellores compañías do país.
E podedes completar a noite de venres cunha cita perfectamente compatible, o fantástico Concerto de Adrián Costa na Ventana de Laxe, unha viaxe polas músicas do mundo da man dun guitarrista simplemente impresionante.
De voda e natureza
Durante o sábado e domingo haberá dúas citas singulares. Falamos do Salón Expovoda de Carballo, que traerá todas as novidades destes tan manidos eventos.
E o contrapunto será as Xornadas medioambientais sobre a Lagoa de Traba, unha cita artellada por Senda Nova.
Un domingo de teatro para os peques
E por fin volve a programación dominical semestral ao auditorio do Concello de Vimianzo. O Febreiro Pequeiro abrirase cunha sesión de teatro infantil na tarde do domingo con Migallas Teatro.
E tampouco podemos esquecer a cita de teatro infantil en Muros para a tarde do sábado.
Máis información
Tendes toda as citas debulladas en:
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).