Axenda soleada para unha fin de semana de Letras Galegas


Este curso, o 17 de maio, o Día das Letras Galegas coincide en sábado, E que mellor para armar un programa cultural completo arredor da figura do homenaxeado, que este curso non é outro que Xosé María Díaz Castro, o Poeta Díaz Castro.
Teremos moitas cousas que facer, cunha parada obrigatoria no Couto, a Aldea das Letras, pero moito máis: teatro, festas, carrilanas, viño e surf, música, gastronomía, feiras, rutas… E todo bañado dun sol fantásticos, como nos avanzan os amigos de 4gotas:
Hoxe hai que falar de sol e calor, pero coma sempre, con matices. O sol e o vento van marcar o tempo da fin de semana. Por mor do vento, temos que dividir a Costa da Morte en dúas partes ben diferenciadas.
Entre Malpica e Muxía o nordés soprará con forza o venres e máis o sábado deixando sol, pero con temperaturas nos 20-21ºC de máxima. Por contra de Muxía cara Muros, non se notará tanto ese nordés, e deixará subir os termómetros por riba dos 25ºC e gozar da praia.
As novidades chegan o domingo. Chega unha masa de aire máis frío e cálmase ese vento, polo que as temperaturas xa serán máis homoxeneas en toda a costa. Máximas de 20-21 graos soamente. No litoral norte é posible que con néboas a partir do mediodía e na parte sur só coa presenza de nubes altas no ceo. Non será un día de praia nesas zonas coma o venres e o sábado, pero os máis valentes aproveitarano igualemente.
Axenda de Letras
Arrincamos a proposta das Letras, como non podía ser doutro xeito, pola Aldea das Letras, o Couto. As entidades sociais armaron un novo programa que situa o lugar pontecesá como un dos centros máis importantes de Galicia na materia, con 3 días de vertixe cultural galega. Este Festiletras 2014 arrinca o venres polo día coas “Aldeas literarias” e as visitas de persoeiros da zona polas escolas da comarca bergantiñá. Xa, pola tarde, a primeira función da Casa dos Veciños, convertida na “Casa da Oralidade”, será con Isabel Risco, coa súa “Nabiza girl” (Superheroína rural galega) e Xosé Antonio Touriñan, co gran “Manolo Lojo”.
Para o sábado pola mañá toca I Encontro de Aldeas Singulares; ás 14:00h haberá Sesión vermú na Casa dos Veciños, onde pola noite poderemos disfrutar da segunda sesión, nada menos que con Oreka TX, cun Joao Afonso que invita ao mesmo Xabier Díaz.
O domingo pecharase o programa coa XXXII Feira de Artesanía, un encontro de Aldeas Singulares e o Tren das Letras percorrendo a zona. Pola tarde, microteatro, danza e música de taberna para pechar o completo programa.
Do Couto ao resto da Costa
Paramos tamén en Carballo, onde teremos a Festa da Lingua, na que, durante a noite do venres, poderemos disfrutar dos acordeóns dos Tres Trebóns e do rap de García MC.
En clave de lingua teremos tamén unha cita cos títeres en Fisterra mentres continúa a Mostra de Teatro Xosé Agrelo de Muros, con actuacións venres e sábado para pechar o mes teatral.
Unha das citas singulares da fin de semana será a V Xuntanza Folk de Lires, cun programa fantástico para os amantes da música galega.
Festas e Concertos
Seguimos repasando citas, e marchamos ata Vimianzo, onde durante venres e sábado terán lugar as Festas de Trasouteiro, que inclúen durante a tarde do sábado a simpática XXII Baixada de Carrilanas.
Teremos Festa das Letras en Camariñas, a base de disco móbil. Mentres en Malpica apostan por mesturar viño e surf, coa V Festa do Viño e os concertos do Festival Longboard, durante venres e sábado.
Tamén en clave gastronómica, o sábado será o día da Festa do Polbo de Lira.
Aínda na noite do venres teremos o concerto do vimiancés Serj en Camelle e mais o dos costeiros The Way en Corcubión.
Para o sábado, nova Cea-Concerto no Lestón de Sardiñeiro, e gran Festa de El Combo Solidario en Santa Comba.
Feira Multisectorial en Muxía
Capítulo aparte merece a Festa Multisectorial de Muxía. Unha feira que combinará as Xornadas Gastronómicas da Caldeirada, con unha feira de produtos de todo tipo dos comercios locais, así como a II Quedada BTT.
Un domingo natural
E o domingo o poderemos disfrutar en clave natural. Por exemplo, coa 7ª etapa do Camiño dos Faros que une Muxía con Nemiña, e atentos que o sábado pola tarde hai unha Completa Pre-etapa por Lires. Ademais, durante todo o domingo terá lugar o Concurso de Pintura ao Aire Libre Cabo Vilán, que xuntará a ducias de pintores de toda España recollendo a marabilla da paraxe natural camariñá.
Como non podía ser doutro xeito, a fin de semana se pecha ca cita dominical vimiancesa, e o fai co concerto da Escola de Música de Vimianzo.
Máis información
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).