#AxendaCostadaMorte moi variada para a fin de semana
Segunda fin de semana de novembro e a Axenda Costa da Morte chega variada. Pintura, poesía, micoloxía, teatro, música, rutas, documentais… Pero iso si, lamentablemente parece que o tempo cambia, como nos contan os amigos de 4gotas no excluisvo parte costeiro que nos mandan:
A fin de semana na Costa virá pasada por auga. Podemos dicir que será case de inverno.
Haberá vento. Moderado do oeste o venres, forte do suroeste o sábado (especialmente pola mañá) e do noroeste, con refachos fortes o domingo.
Haberá oleaxe. Mar de fondo do noroeste de 4-5 metros o venres e o sábado. Algo máis baixa o domingo.
Haberá chuvia. Intermitente, aínda que con algún chaparrón puntualmente forte, durante o venres. Choverá arreo desde o final da mañá do sábado ata a noite. Todo o domingo hai risco dalgunha saraibada e dalgunha treboada, ademais da chuvia.
E as temperaturas frescas, ou máis ben, frías.
É dicir, fin de semana de cine... De ir ao cine e non sair.
Contámolo aquí para o resto de Galicia.
De estrea
O evento que destacamos para esta fin de semana é a presentación dunha documental de altura. O Eslabón Perdido, a documental de Pablo Cés sobre o percebeiro e escalador de boulder cormelán Bendecorme, estrearase, como non podía ser doutro xeito, en Corme, o sábado ás 20:00h no MAC.
Fin de semana musical
Se algo podemos destacar esta fin de semana é a aposta pola música en directo. O venres teremos varias citas, comezando polo Concerto Carballo Mirando ao Mar en clave folqueira. Ademais, A Ventana de Laxe aposta polo soul pontevedrés de Flying Carpet e O Parrulo de Cee pola voz de Ana Angueira.
Para o sábado, repetirá o Parrulo co concerto de Brais Redonda, e o domingo, pecharemos a fin de semana en Vimianzo, xa co Mes da Música, e o concerto de Xoan Curiel.
Micoloxía
Continúan as xornadas de exaltación do cogumelo neste, o seu tempo. E despois do éxito das de Cee, disfrutaremos de dous días das Xornadas Micolóxicas de Zas.
De rutas
De primeiras, e pendentes de que haia quorum, o sábado pola mañá hai unha interesantísima Ruta guiada polos Secadoiros de Congro.
O domingo teremos dúas citas co sendeirismo, que non decae a pesar do tempo. E se non que llo digan aos trasnos que seguen invadindo cada 15 días o noso litoral. Esta semana toca a 6ª etapa do Camiño dos Faros entre Camariñas e Muxía.
E paralelamente, as xentes de Senda Nova arman unha ruta polas Terras do Marqués de Carballo.
Unha de pintura
Novedoso será o II Encontro de Pintura Sumi-e da Costa da Morte, que se celebrará en Muxía ao longo da fin de semana. Exhibición aberta na noite do venres, e un curso intensivo para a fin de semana.
Teatro, poesía e Encaixe
E como non, o teatro tamén é protagonista nestas fin de semanas de outono. Por Malpica comeza a X Mostra de Teatro con “Da Vinci tiña razón” de Producións Teatrais Excéntricas na tarde do venres. Ademais, o XXI Ciclo de Teatro de Ponteceso pega o pistoletazo de saída con “Unha noite na zarzuela” para a noitiña do sábado no Couto.
Teremos na noite do sábado unha bonita cita poética coa Cea das Letras, que servirá para entregar os premios do IX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas de Malpica.
E por Vimianzo, esta fin de semana toca Xuntanza de Palilleiras.
Máis información
Tendes toda as citas debulladas en:
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).