xoves. 05.06.2025
El tiempo

Carballo analizará o devalo demotráfico de Galicia a través dun libro

Carballo analizará o devalo demotráfico de Galicia a través dun libro
Galicia-un pobo con futuro-O noso devalo demografico

Será unha cita interesante para analizar o devir demográfico do noso país. As cifras son duras. A Costa da Morte perdeu máis de 5.000 persoas na última década e 840 no último ano. E a inercia é semellante.

E para analizar o asunto, nada mellor que un libro ben documentado. E se ben editado polo Museo do Pobo Galego e Edicións Xerais de Galicia, seguro que non ten perda. Falamos do libro Galicia: un pobo con futuro? O noso devalo demográfico, que será presentado este venres, 20 de febreiro de 2015, ás 19:00h na Biblioteca Rego da Balsa. Estarán Justo Beramendi, Presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, o profesor Xan Fraga, e o editor do libro Manuel Blanco Desa.

”Galicia: un pobo con futuro? O noso devalo demográfico”

Neste recóllense os resultados dos traballos fomentados polo Instituto de Estudos das Identidades, encadrado no Museo do Pobo Galego, durante 2012 e 2013, ao fío dos foros sobre natalidade e vellez en Galicia. Estes foros desenvolvéronse nas principais cidades de Galicia, coa intervención de numerosos profesionais e persoeiros de distintos eidos e colectivos.
A obra compleméntase cos ensaios de diferentes autores, especialistas en etnografía, economía, demografía, socioloxía e politoloxía, así como coas reflexións e achegas de representantes das forzas políticas e sociais máis sobranceiras do país, e doutros académicos e profesionais da ciencia, o xornalismo, a cultura, a arte e a empresa.

Con este traballo preténdese convidar á sociedade galega a matinar no seu futuro e a actuar diante do grave desafío vital que representa a súa baixa fecundidade dende hai trinta anos –unha das tres máis baixas de Europa– e o seu correlativo avellentamento. Desafío nos ámbitos económicos, sociais e culturais para un país cunha incuestionable personalidade de seu, pero cunha poboación que vén esmorecendo sen freo.
Este libro caracterízase pola súa pluralidade. Pluralidade de opinións, sensibilidades e enfoques, mais tamén pluralidade na análise das causas deste problema e das súas posibles solucións. Pero pluralidade cun ánimo e obxectivo comúns: o amor por Galicia, polo seu pobo e por albiscar unha esperanza demográfica, lonxe do fatalismo e a pasividade.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios