Venres. 29.03.2024
El tiempo

Carballo prepárase para o terceiro festival Interplay

Carballo prepárase para o terceiro festival Interplay
Esta semana - de xoves a sábado - Carballo convertirase na capital da cultura dixital global grazas ao III festival Carballo Interplay. Segundo anunciaron onte en rolda de prensa o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira; a coordinadora de actividades do Interplay, María Yáñez; e a directora do certame, Sonia Méndez, o CIP chega esta semana á súa terceira edición "reforzado" cunha "oferta diversa e plural" que aposta claramente " pola innovación, pola creatividade e polo talento". O Carballo Interplay, que nacía hai tres anos como o primeiro festival de webseries nacional, converteuse axiña nun referente estatal e agora avanza un paso máis, explorando os formatos máis diversos e os contidos dixitais máis novidosos cun completo programa de actividades que encherá a vila de proxeccións, de debates, de vídeo conferencias e de música dende o xoves 5 pola mañá ata o sábado 7 ben entrada a madrugada. Todas as actividades son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo. Públicos diversos Esta semana celebrase o festival de webseries e contidos dixitais de Carballo Esta semana celebrase o festival de webseries e contidos dixitais de Carballo A coordinadora de actividades do evento, María Yáñez, fixo un repaso polo programa do III Carballo Interplay, amplo e diverso: "o xoves teremos unha tarde adicada aos contidos dixitais en galego; veremos en exclusiva a webserie Muerte al youtuber gravada a pasada semana en Carballo dentro das actividades formativas do festival e haberá unha proxección pública e gratuíta dunha longametraxe que naceu en Internet e chegou ao Festival de Málaga, Estirpe". "Youtuber, Blogger, Viner, Prankster... o venres aprenderemos novos nomes e maneiras de crear na rede; falaremos con expertos como Andreu Meixide e Miriam Hernanz de narrativas de non ficción e do laboratorio de innovación dixital máis importante do Estado (e que pouca xente coñece); e gozaremos con dúas estreas: o falso documental Entertainment e o novo show dos Venga Monjas, Da Suisa, nunca visto en Galicia". E o sábado "colleremos un pouco de perspectiva para ver como cambiou a cultura dixital no súltimos anos e cara a onde nos diriximos; aprenderemos dos Zopilote como plaxian as obras que ven en Internet e as adaptan en guións dalgunhas das series máis populares da televisión galega; viviremos un podcast en directo dos twitstars El Hematocrítico e Noel Ceballos, sobre a evolución do videoclip dende os 90 ata os nosos días; e, xa pola tarde, despois da sesión vermú, gozaremos cunha das galas de premios máis divertidas e espectaculares da cultura galega recente, presentada por Iolanda Muíños e dirixida por Sandra Lesta". Pecharán a festa os Malandrómeda e a DJ Teresa da Praia, na Sala Dublín. Concurso de webseries O auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acollerá cada tarde, a partir das 16 horas, as proxeccións das webseries galegas, españolas e internacionais que participan no concurso oficial do festival. Sonia Méndez, directora do CIP, explicou que "hai sobre todo comedia, pero comedia transgresora e orixinal, e tamén algo de drama e animación". O público que acuda ás proxeccións, que son de acceso libre e gratuíto, como todas as actividades do festival, poderá ver propostas de todo o mundo e participar, coa súa votación, na selección da serie que recibirá o Premio do Público. O Carballo Interplay reparte nesta edición máis de 5.000 euros en premios: mellor webserie de imaxe real, mellor webserie de animación, mellor webserie internacional e mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría, e a escolla do público, con 400 euros e trofeo. Ademais, haberá trofeos para a mellor actriz, o mellor actor, un premio AGAG ao mellor guión e un premio CREA á mellor dirección. Este ano, ademais, haberá un premio ao mellor proxecto de webserie en galego dotado con 1.500 euros para a gravación dos primeiros capítulos. Programa formativo  Novas narrativas, marketing dixital, novas tecnoloxías, produción e financiación audiovisual, dirección de actores, robótica para nenos e nenas, Lego Mindstorms, Arduino... son algúns dos coñecementos que adultos, estudantes, nenos e nenas puideron adquirir este ano no ciclo formativo do festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, FormaCIP, dende o pasado 12 de marzo ata esta mesma fin de semana, na que dous grupos de nenos e nenas aprenderán a empregar paleta gráfica codeco ou a realizar emoticonos analóxicos mentres se desenvolven as actividades do Festival. Sonia Méndez destacou esta mañá a importancia deste programa formativo, que "descubre e apoia a xente creativa que no futuro xerará contidos dixitais para o Festival". Tanto o alcalde como o concelleiro recordaron que o festival é "un referente de novas maneiras de crear e de difundir contidos" e que o seu recoñecemento dentro e fóra de Galicia reforza "o liderado creativo de Carballo". "En Carballo estamos no mundo", afirmou Evencio Ferrero, "e as nosas landras deben medrar en todos os recunchos do planeta". Xosé Regueira, pola súa banda, destacou a importancia que ten o festival para o tecido económico, cultural e social de Carballo e anticipou o apoio do concello para a cuarta edición.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios