Mércores. 27.10.2021
El tiempo

Mohamed Safa: "O pobo árabe ten fame, pero de dignidade"

Mohamed Safa: "O pobo árabe ten fame, pero de dignidade"

Un auténtico luxo contar na Costa da Morte con unha persoa como Mohamed Safa. Este activista palestino, "enamorado de Galicia" e afincado na nosa terra dende hai máis de 30 anos, ofreceu onte no Salón de Actos do Concello de Cee unha charla, organizada por COSAL Costa da Morte, sobre as Privamera Árabe en 5 países de Oriente Próximo.

E dicimos que é un luxo porque é moi complicado atopar unha persoa con tanto coñecemento do mundo árabe, que ademais teña unha capacidade para expresar, para trasmitir, que fai que os oíntes teñan que agarrarse á butaca cada dous por tres.
Onte falou, e falou dun tema que gosta moito, un tema que o ten entusiasmado dende comezos de ano, e que para el, é un momento clave na historia do mundo árabe.

Unha auténtica Revolución

I é que estamos diante dunha auténtica Revolución. Revolución con maiúsculas, das de antes, na que o anhelo de liberdade é o principal motor, non como no resto de países occidentais onde o 15M non pasa de ser un, "dignísimo e fantástico movemento social". Safa sinala que este movemento serve para "recuperar o sentido da cidadanía, e do cidadán árabe", e ata fala da necesidade de crear "unha única nación árabe de 360 millóns de persoas". I é que todas as revolucións levaban como lema o mesmo "O pobo quere derrocar ao réxime".

"Trátase dunha recuperación do valor do cidadán, do cidadán árabe, asoballado, conxelado, que chegou a sumir a sumisión durante anos". Sen crer na "mano negra" que dirixa as revoltas, Safa destaca que espontánea, espontánea non foi, porque o caldo de cultivo xa estaba a piques de saltar e foron varias chispas as que fixeron saltar todo. Nese sentido destaca que noutros países como Arabia Saudí non se daría unha revolución así, pois a realidade social é moi diferente.

"Por que hai unha Revolución? Porque hai unha grave crise da lexitimidade, lexitimidade do poder. A realidade é que hai unha enorme fame, pero non de pan, sen non de dignidade".

Árabe <=> Democracia

"Nacionalismo e Democracia" era o subtítulo da charla, i é que as eleccións de Túnez desta pasada fin de semana veñen a demostrar o evindente. "Xentes que se cren escritores chegaron a dicir que os conceptos árabe e democracia non son compatibles. Teño lido que é a diferente "cultura" a que non permite instalar a democracia. Pois o que está acontecendo dende comezos de ano, e o que acontecía esta pasada fin de semana en Túnez demostra que isto non é certo. O 82% da poboación tunecina participou nas eleccións", sentencia rotundo.

Safa explicaba como "as ditaduras nestes 5 países, a base de políticas do medo, conseguíu acalar durante décadas á poboación. Pero a mocidade espertou, xa non cren nese pai da nación como se proclamaba Gadafi tras 40 anos do poder. A xuventude, o verdadeiro motor desta revolución, está cansa de non poder falar". De feito, nos países árabes, o 60% da poboación é menor de 25 anos, e entre o 10 e o 15% de toda a poboación participa activamente na revolución, cando na revolución francesa non chegou ao 3%.

E contou unha boa historia persoal, que pode ser traída á época franquista en España. "Lembro que a primeira vez que fun á capital, ao cine, aos 18 anos, ía do campo coma se fose Alfredo Landa. Antes de empezar a película o primeiro que apareceu en pantalla era a cara xigantesca do ditador. Nese momento todo o mundo levantouse e comezou a aplaudir. Eu, como non entendía nada, quedei sentado, ata que o meu compañeiro obrigoume a levantar, comezar a aplaudir contándome que habería "ollos" por todas partes".

A revolución dos valores

Safa valora a revolución por máis motivos, pero un dos máis importantes é o propio feito de que os revoucionarios non queiran ostentar o poder. "Iso é precisamente o que lles dá lexitimidade, porque non vai ser derrocar un goberno totalitario para poñer outro distinto pero igual. Eles queren traer a democracia, pero non só a través do voto, se non que o que se poña no poder terá que exercer conforme aos principios democráticos, facendo real a división de poderes lexislativo e exeutivo por exemplo".

Safa criticou como "case que o único erro", a participación do exército e varios dos países non proceso de reforma, que pode retrasar e mesmo impedir que se desenvolva con normalidade.

Diferentes revolucións

Safa diferenciou a situación entre os Exipto e Túnez, da dos Libia, Siria e Yemen. Se ben os 5 países buscan a liberdade como ben final, e os gobernos son semellante (con grandes familias ostentando o poder político, militar e económico baseados na herencia), a estrutura social non é a mesma. "O primeiro é que temos que aguantar unhas fronteiras impostas, pero en varios destes países non existe o concepto de nación. Puidose comprobar en Irak, onde a invasión estadounidense demostrou que non é un pobo unido, e de contado comezaron a aparecer suníes e chiitas, pero o concepto árabe desaparceu. Libia, Siria e Yemen son estados formados por tribus, por clans, mentres que en Exipto e Túnez si que hai unha estrutura social formada".

A internet como vehículo

Preguntado polo papel da internet e das redes sociais na revolución Safa teno claro. "Se ben as redes sociais non fabricaron a revolución, si que foron o punto de encontro, como o é a mezquita. Foron fundamentais porque os servizos de espionaxe dos gobernos, como son bastante burros, non chegaron a tempo, a internet foi máis rápida ca eles, e non souberon controlala a tempo. As RRSS, Al Yazira e o tunecino que se queimou, foron fundamentais para prender a chispa, pero, como dicimos en medicina, xa había un grupo de risco na poboación árabe, e a enfermidade é a revoución".

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

comentarios