Venres. 26.04.2024
El tiempo

Nace a primeira base de datos en liña de xogos tradicionais galegos

Nace a primeira base de datos en liña de xogos tradicionais galegos
xogos-tradicionais-galegos A web reúne centos de recursos sobre o patrimonio lúdico galego Xa está dispoñible na rede a primeira base de datos en liña sobre o xogo tradicional galego. Trátase dunha fonte de información, para calquera persoa ou entidade interesadas no tema, que reúne dous centenares de recursos sobre o patrimonio lúdico galego, un dos máis ricos do estado español. Onte presentouse nun acto celebrado na sede do Consello da Cultura Galega. A base de datos, localizable en www.xogostradicionais.gal e www.xogospopulares.gal, intenta dar resposta a unha necesidade detectada cada vez dun xeito máis evidente, pois as consultas que reciben as entidades que en Galicia se dedican á investigación e á divulgación do xogo tradicional son, ano a ano, máis numerosas, desde o nome dunha empresa ou entidade que poida organizar unha sesión de divulgación, ata un fabricante ou distribuidor de xoguetes, pasando, naturalmente, por documentación para realizar un traballo de investigación ou para coñecer como se pon en marcha determinado xogo. Para dar resposta a esta necesidade identificada, un grupo de entidades que viñan mantendo unha colaboración estreita en determinados proxectos, decidiron crear a páxina, de acceso libre. Estas entidades son Etnoga - empresa dedicada á investigación e á divulgación -; o Melga - Museo Etnolúdico de Galicia, situado en Ponteceso -; Xotramu - Xogos Tradicionais Muimenta -, Tempo de Xoga - adicada á investigación sobre o xoguete tradicional, con sede en Lourenzá e Tui -; Brinquedia - Rede Galega do Xogo Tradicional - e a AGXPT - asociación galega do Xogo Popular e Tradicional -, ademais de persoas e investigadores/as particulares. Contidos da web Na base de datos poden atoparse os contactos de colectivos, empresas, clubes, centros educativos, museos, investigadores/as recoñecidos/as... pero tamén fondos documentais e bibliográficos, recursos musicais tradicionais ou recursos en liña. A páxina inclúe tamén acceso a lugares onde os xogos aparecen descritos, como sucede, de xeito particularmente destacado, coa páxina do Equipo de Normalización Lingüística do CEIP Campolongo de Pontevedra que, baixo a dirección do profesor Nito Ferrer, foi quen de ofrecer en imaxes infinidade de xogos do noso patrimonio. A base de datos presentada constitúe un recurso permanentemente en construción. Por iso, en cada unha das súas seccións hai unha invitación constante a que o/a visitante remita a información que nota en falta para poder incluíla. O patrimonio lúdico galego é un dos máis ricos da nosa contorna xeográfica. Algunhas investigacións sitúan Galicia só un chanzo por detrás do País Vasco e de Navarra no número e vixencia dos xogos tradicionais. Galicia está representada na asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais a través do MELGA, de Brinquedia e da AGXPT. Precisamente pola importancia do noso patrimonio lúdico, as persoas e entidades participantes no proxecto crearon, de xeito paralelo á presentación da base de datos, a marca “Patrimonio lúdico galego”, para dotar de forma as iniciativas que están proliferando por toda Galicia de investigación, recuperación e posta en valor dos xogos tradicionais.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios