Nais, pais e formadores aprenden nanas en Carballo


Menuda proposta máis auténtica a que nos trae o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo. Que máis importante para comezar a transmitir a lingua que o poder emocional das nanas e cantos de berce. Así, grandes da música galega como Xabier Díaz, coa colaboración do músico Guillerme Fernández, ambos de Berrogüetto, aCadaCanto ou Arrolos de salitre serán os mestres para o obradoiro de nanas que terá lugar os días 20 e 27 de novembro, de 17.00 h a 19.00 h, no Pazo da Cultura de Carballo, sendo a inscrición é gratuíta.
O obxectivo é que nais, pais, outr@s familiares e formador@s poidan aprender ou practicar o aproveitamento do poder emocional das nanas e cantos de berce para arrolar os seus bebés e comezar a transmitirlles a lingua e a música.
De impartir o obradoiro encargarase, igual que o ano pasado, o músico bergantiñán Xabier Díaz, que é cantante dos grupos Berrogüetto e aCadaCanto e que, entre outros proxectos, publicou hai dous anos o exitoso disco Arrolos de salitre, un álbum que contén precisamente 11 cantos de berce en galego. Este disco foi editado xunto co músico Guillerme Fernández, tamén músico de Berrogüetto e aCadaCanto, e que tamén participará neste obradoiro.
Nas dúas sesións das que consta este taller, as persoas participantes aprenderán a cantarlles aos bebés diversas nanas galegas, tanto de autoría como populares.

Xa os dous anos anteriores se organizou desde o Servizo de Normalización Lingüística de Carballo un obradoiro de características semellantes, que fora impartido en 2011 por Ugia Pedreira, cantante de Marful, e en 2012 por Xabier Díaz e Guillerme Fernández.
Nesta edición este Obradoiro de nanas organízase en colaboración coa asociación Á beira dos miúdos, para o acompañamento en maternidade, crianza e educación respectuosa.
Novas relacionadas
- QPC abre as portas ata Carballo.
- Os mestres de Bergantiños aprenderán a usar o xogo didacticamente.
- Os cemiterios carballeses recuperan o galego para sempre.