xoves. 15.05.2025
El tiempo

O Día de Muller, a música e os monólogos protagonistas da #AxendaCostadaMorte

O Día de Muller, a música e os monólogos protagonistas da #AxendaCostadaMorte
Completa Axenda para a Costa da Morte para a fin de semana Completa a Axenda Costa da Morte para esta fin de semana primaveral de marzo, no que o Día da Muller, a música e os monólogos son protagonistas. E precisamente, antes de repasalas, ollamos o exclusivo parte costeiro dos amigos de 4gotas.com: A fin de semana na Costa será primaveral, ou mesmo de verán case!! Lucirá o sol o venres e mailo sábado, con pouco vento e temperaturas que ao mediodía rozarán os 20ºC. Nas noites refrescará, con valores de 8ºC na costa que mesmo poderían baixar dos 3 en puntos do interior da Costa da Morte. O domingo, pode cambiar a situación. Aínda non é seguro, pero unha fronte podería aproximarse a Galicia e deixar nubes entre Fisterra e Carnota. Consultade as actualizacións diarias de 4gotas.com por se esa fronte queda un pouquiño máis lonxe (é probable) e continua o sol todo o domingo chegando esas nubes o luns.

Día da Muller

Celebra a Organización de Mulleres Buserana o seu 15º aniversario e o fai con accións para este 8 de Marzo, Día da Muller. Será a Praza 8 de Marzo de Cee o epicentro das actividades, que se desenvolverán o venres 6, ás 20:30 horas. A cita será protagonizada pola multidisciplinar artista de Sartiñeiro, Palmira Castro, que realizará unha performance baixo o nome “Mimadriña querida!”, cunha colcha con 2000 corazóns de papel que fai como agasallo á entidade. Tamén en Cee, o Concello fará unha concentración e lectura de Manifesto ás 13:00h. E a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova e a Comisión de Acción Feminista do BNG da Costa da Morte presentan o próximo venres 6 ás 19:00h no Salón de Plenos de Cee, o documental "Costa das mulleres". Por Carnota, este sábado 7 de marzo terán lugar, no salón de actos do Concello, a obra de divertido teatro “O MACHISMO QUE NOS CRIOU” na que actuarán a nova fornada de actores e actrices do locai con César Cambeiro e Belén da Crega como principais dinamizadores. E finalmente, en Corcubión, o sábado 7 de marzo, de 11:00 a 13:15 teremos un contacontos e uns xogos tradicionais para coeducar en igualdade.

Venres cultural

Dúas paradas temos colleitadas para o venres. A primeira no Pazo da Cultura de Carballo coa obra de teatro de Teatro do Atlántico, no marco dos Venres Culturais carballeses. E máis tarde, arrincamos cara o sur para ver o concerto de Alan Acoustic Project en Cee, na súa casa e con versións novas. Ademais, tamén poderemos ir ao Concerto de Gustavo Almeida en Laxe.

Un sábado musical e de monólogos

É o concerto e presentación do novo disco de Serj en Vimianzo uha das citas máis esperadas da fin de semana. O cantante local fará ademais da presentación do seu vídeoclip “Costa da Morte”, rodado nas paraxes costeiras máis fermosas. Sen sairmos da música, teremos tamén un Concerto de blues en Carballo, e o Concerto Cavernícola de Muros. Ademais, será tamén a do sábado unha noite de humor, cos monólogos de Daniel Currás en Malpica, no comezo das actividades da Tralla; e o de Pepo Suevos en Carballo. E a cita dominical da programación continua de Vimianzo será tamén en clave humorística, e será con Cándido Pazó.

Outras citas

A fin de semana tamén traerá outras actividades. Por exemplo, Carballo acollerá a Feira de Oportunidades, e tamén dende a vila bergantiñá partirá o Roteiro polo litoral de Carballo mirando ao mar dominical.

Máis información

Tendes toda as citas debulladas en:

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios