Mércores. 24.04.2024
El tiempo

O DOG xa publica como BIC o Castro de Borneiro

O DOG xa publica como BIC o Castro de Borneiro

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a declaración de Ben de Interese Cultural, coa categoría de monumento, do Castro da Cidá de Borneiro, así como o Castro da Cidá de Saceda, no termo municipal de Cualedro na provincia de Ourense.

A Cidá de Borneiro

As numerosas intervencións arqueolóxicas realizadas no xacemento e o bo estado de de conservación da maioría das estruturas existentes foron os motivos principais para impulsar a súa declaración BIC, feito que garante a súa conservación e evita a súa perda, destrución ou deterioro. No que respecta ao Castro da Cidá de Saceda, a elección deste xacemento arqueolóxico para a súa declaración como BIC fundaméntase principalmente no seu carácter de exemplo ilustrativo dun castro da etapa inicial e de transición á fase de apoxeo da cultura castrexa; e no seu impoñente e monumental sistema defensivo, factores que determinan unha sobranceira significación cultural e un gran potencial para a súa posta en valor.

O xacemento arqueolóxico coñecido como A Cidá de Borneiro é un dos elementos sobranceiros da cultura castrexa na Costa da Morte, está situado nun pequeno outeiro a uns 500 metros ao sur da Igrexa de San Xoán de Borneiro, nunha zona actualmente dedicada a monte baixo con piñeirais, cunha ampla visibilidade dende o litoral. Unha das súas características máis destacables é o axeitado estado de conservación que presentan, na maior parte dos casos, as estruturas presentes no interior da maioría destas construcións, como son os furados de poste e os fogares.

O monumento do castro cos seus recintos e todas as estruturas, incluídos os sistemas defensivos máis exteriores e unha área de seguridade onde se desenvolveron actividades a el vinculadas, abrangue unha área de 50.567 metros cadrados. Prevese unha contorna de 22.033 metros cadrados cuxa alteración podería afectarlle negativamente aos seus valores, estudo e contemplación. A área ou contorna de protección proposta trata de adaptarse ao territorio circundante baseándose en criterios de visualización e visibilización, gardando unha distancia de seguridade que trata de adaptarse aos límites das parcelas, viarios e fitos xeográficos existentes.

Existen 29 construcións na croa de forma circular simple ou ovalada, unha muralla en forma de espolón, e un foxo xunto cun barrio extramuros. Todas as vivendas contan con fogares e nalgunhas obsérvanse restos de poste. Neste xacemento atopáronse múltiples fragmentos de cerámica indíxena, útiles de ferro e bronce, muíños de pedra, fíbulas, moldes, contas de vidro e outros elementos, hoxe en día expostos no Museo Arqueolóxico da Coruña.

Trátase dun xacemento amplamente coñecido na bibliografía arqueolóxica galega, tanto por ser un dos primeiros asentamentos estudados no comezo das investigacións sobre a cultura castrexa, como por terse desenvolvido nel numerosas intervencións arqueolóxicas. Realizáronse escavacións nas décadas dos anos 30, 70 e 90 do pasado século e, ao longo deste período de tempo, no interior da croa foron postas ao descuberto un bo número de construcións, que forman un conxunto arquitectónico bastante homoxéneo no que se observan similares características construtivas e de conservación.

As investigacións realizadas na campaña de escavación e restauración de 2007 no Castro da Cidá de Borneiro achegaron datos moi novidosos con respecto do Monumento de Forno, documentado en escavacións anteriores. Puido confirmarse a súa funcionalidade análoga a elementos atopados noutros castros, como Punta dos Prados ou Coaña, aínda que neste caso a estrutura ten maiores dimensións. O gran número de estudos e intervencións, así como a boa conservación de boa parte do castro, confiren unhas interesantes expectativas de cara ao seu aproveitamento cultural con fins pedagóxicos e didácticos, facilitando a visita do público e contribuíndo á comprensión tanto do xacemento en particular como da cultura castrexa en xeral.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Xunta de Galicia.

Comentarios