Sábado. 04.05.2024
El tiempo

O IES Parga Pondal, de Carballo, gaña a fase de zona do Club de Debate

O IES Parga Pondal, de Carballo, gaña a fase de zona do Club de Debate
Equipo-Carballo-ganador-Club-Debate-14-3-14

Do Instituto ao Parlamento. Levan bo camiño estes alumnos carballeses tras un par de meses aprendendo a debater. Unha arte que, en todo caso, non só vale para o mundo da política, se non que nesta vida moitas cousas son as que hai que discutir, e saber facelo, é toda unha ferramenta para convencer aos teus interlocutores.

Pois os rapaces do IES Parga Pondal, de Carballo, veñen de gañar a fase de zona do Club de Debate. Foi en Teo onde se disputaba esta fase da zona de Compostela, e os carballeses se metían, xunto aos do IES Plurilingüe de Ames, na final galega que terá lugar o 26 de abril en Ferrol. Un gran debate sobre un tema curioso: “Nós, á nosa idade, o único que temos que facer é estudar e pasalo ben”.

As rapazas e rapaces argumentaron tanto a postura a favor como en contra, en oito debates en que se foron enfrontando os institutos Antón Fraguas e Rosalía de Castro, de Compostela, Isidro Parga Pondal, de Carballo, IES Plurilingüe de Ames e IES de Cacheiras.
De cada debate, o xurado, composto por lingüistas, xornalistas e xuristas, emitiu unha puntuación coa que se conformou a clasificación final, que quedou encabezada polo IES Isidro Parga Pondal, de Carballo, que recibiu como agasallo un vale de 500 euros para material cultural en galego, e polo IES Plurilingüe de Ames, que recibiu un vale para a mesma finalidade por valor de 300 euros. Ademais, estes dous equipos de Carballo e Ames representarán a zona na final galega, en que competirán cos gañadores das zonas de Ferrol, O Carballiño e Pontevedra.

Club-Debate de IES en Teo

De premio, unha viaxe natural

O premio que agarda ao equipo gañador da final galega é unha convivencia dunha fin de semana na que terán ocasión de achegarse ao patrimonio natural e cultural galego a través de actividades lúdicas nas que a lingua galega terá un papel fundamental, en coherencia co obxectivo do proxecto que é promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais.

En consonancia tamén con este obxectivo está o tema sobre o que terán que debater os equipos clasificados na sesión de Ferrol: “Pódese vivir en galego”. Ames, Carballo, O Carballiño, Ferrol, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo son os oito concellos galegos que, a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL), organizan esta actividade en que participan este ano arredor de 200 rapaces e rapazas de 22 equipos, coa colaboración duns 25 preparadores/as de 16 centros educativos distintos, coa finalidade de fomentar o uso do galego oral, o pensamento crítico e o debate entre a mocidade.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios