Receitas do Outono carballés: Perdices á Cazadora
Trasladamos a sección gastronómica que nos brindan dende Turismo Carballo á fin de semana. I é que este contido abre o apetito para as grandes comidas en familia a golpe de sábado e domingo.
Hoxe toca coñecer un dos restaurantes con máis sona, O Xabarín. E o facemos, como non, para coñecer unha receita cinexética, unha vez que está a veda levantada. Non vai de xabarín pero vai de perdiz á cazadora.
Comezaremos preparando o adobo a base de ourego, pementa negra, viño branco, aceite de oliva, vinagre e allo; e mais a salsa cun porro, tres cebolas grandes, dúas cenorias e unha folla de loureiro.
E xa saben que "para comer a perdiz hai que tapar o nariz", así que ármense de valor para quitarlle as plumas, as vísceras e ata os perdións, antes de metela aos fogóns. Imos deixar as perdices 48 horas co adubo noi frigorífico, para que collan sabor.
Pasados eses dous días, sacámoslle o adubo e dourámolas nunha pota ou tixola con pouco aceite (un vasiño de aceite de oliva) a lume suave e durante vinte minutos. Retiramos as perdices e, nese mesmo aceite botamos as cebolas, as cenorias e o porro partido en anacos grandes. Engadímoslle un pouco máis de aceite e incorporamos o adubo, unha vez coado. Déixase cocer até que levante o fervor. É entón cando incorporamos de novo as perdices, que deixaremos cocer outros vinte minutos a lume suave.
Unhas patacas fritidas para acompañar (se non non estaríamos en Galicia) e a desgustar o tesouro.
Receitas do Outono carballés
- Receitas do Outono carballés: Bacallau á biscaína.
- Un Milfollas de segredo de porco ibérico para estrear as receitas do Outono carballés.
Novas relacionadas
- Pintando muros para derribar barreiras.
- En marcha os menús arqueogastronómicos de Vimianzo.