Venres. 03.05.2024
El tiempo

Teatro, terror e micoloxía para a #AxendaCostadaMorte da ponte de Defuntos

Teatro, terror e micoloxía para a #AxendaCostadaMorte da ponte de Defuntos
Axenda Defuntos Costa da Morte 2018 Completa a #AxendaCostadaMorte para esta fin de semana de Defuntos. Ademais de acodir á cita co cemiterio, teremos a posibilidade de celebrar a ponte como se merece, con citas teatreiras e musicais, con algunha que outra verbena, e con cogumelos, que despois destas chuvias parece que xa están saíndo.

Parte de Meteogalicia

Esta tarde de mércores teremos ceos cubertos e chuvias febles, que se repetirán durante o xoves, cando teremos unha lixeira subida de temperaturas. O venres e o sábado teremos unha recuperación da influencia anticiclónica, e se ben pola mañá teremos nubes baixas os dous días, polas tardes teremos xa alternancia de nubes e claros. Pero entre o sábado e o domingo chegará outra fronte, que deixará chuvias durante a madrugada do sábado ao domingo e durante o todo o domingo. Paralelamente, no mar, imos ter mala visibilidade do mar e ventos de intensidade moderada, sobre todo durante mércores e xoves. O sábado haberá algo de mar de fondo de noroeste con ondas de 2-3 metros e vento bastante frouxo, se ben o domingo si que aumentará o mar de fondo chegando a ter ondas de 4-5 metros, e é posible que dean unha alerta amarela, ou mesmo laranxa, para a xornada dominical<.

Moitas actividades de Samaín

Ademais das citas escolares, son moitas as propostas de Samaín que temos na #AxendaCostadaMorte. Ademais, Laxe celebra unhas completas Xornadas Terroríficas que traerán actividades para os nenos durante toda a ponte. Ademais, o sábado As Torres do Allo acollen un singular magosto que virá acompañado duns monstruosos obradoiros.

Citas co teatro

Ademais da última cita co FIOT nesta mesma noite de mércores, a bisbarra baixa o telón con numerosas actuacións. Santa Comba ten unha cita co teatro este mércores 31 de outubro, con Mofa e Befa. En Carnota abren tamén o seu programa de Noites Espectaculares este venres 2 de novembro con Quico Cadaval. Outro concello que tamén se pon de teatro é Malpica, que acolle o venres unha cita máis musiqueira con Xoan Curiel e a Banda do Verán. O Programa de Outono de VImianzo trae Os Náufragos á capital soneirá para a noite do sábado. O domingo, no marco do Outono Rebuldeiro, haberá espectáculo infantil ás 18:30h na Casa da Cultura con Culturaactiva e o Trío Refugallo. Por Camariñas toca a visita á da compañía Malasombra, cunha obra, D.E.P. que terá lugar o sábado na Casa de Pedra. Non faltarán á súa cita co teatro en Muros, coa chegada este sábado da compañía Trotaconventos. E finalmente, un dos máis antigos programas ponse en marcha. Ponteceso abre este sábado o seu XXV Ciclo de Teatro con Talía Teatro.

Vai de micoloxía

E agora que choviu, chegan mellor que nunca as citas micolóxicas esta fin de semana. Por Carballo, a Asociación Lumieira acolle a segunda parte das XI Xornadas micolóxicas este sábado dende as 10:30 ata a a tardiña. Por Cee, xa anda a xende e Pan de Raposo colleitando cogumelos para a exposición das XVIII Xornadas Micolóxicas Costa da Morte que encherán de actividades a Casa da Cultura de Cee durante o sábado e o domingo.

Outras citas

As Festas do Pindo, Quilmas e a Curra porán o toque verbeneiro á fin de semana. En clave musiqueira, Mazaricos tamén terá a visita das bravas Tanxugueiras na noite sabatina. O Casino de Carballo presenta o venres o novo libro de Gabriel Tizón.

Exposicións

  • As Torres do Allo, en Zas, abren todos os sábados, domingos e festivos en horario de 11:00 a 19:00 horas. Estes días ten aExposición do naturalista Víctor López Seoane nas Torres do Allo; onde ademais hai a programación habitual: – Visitas Guiadas: ás 13h e 17h. Permitirán coñecer o conxunto etnográfico que inaugurou unha tipoloxía edilicia en Galicia. – O Xogo de Pistas “Os secretos Ocultos nas Torres: deforma continuada durante o horario de apertura (sen necesidade de reserva previa).
  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas.
  • Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas, en temporada baixa, de venres a domingo de 10:30 a 14:00h e de 16:00 a 18:30. En temporada alta (Semana Santa, e do 1 de xullo a 16 de setembro), visitas guiadas todos os días. Concretamente, do 1 ao 4 de novembro haberá visitas guiadas todos os días no Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate (nos horarios habituais de temporada baixa), estando estará aberto sen interrupción desde as 9.00 ata as 20.00 horas
  • A tenda turística Stoupa acolle a exposición trasna de Teresa Candal durante estes meses de outubro e novembro.
 

Toda a información debullada na #AxendaCostadaMorte

 

Comentarios