Unha #AxendaCostadaMorte chea de teatro de calidade


Chega a Axenda Costa da Morte para esta fin de semana do ecuador de outubro con moito teatro. Teatro e do bo, con grandes nomes. Pero antes, imos ver como vén o tempo da man do parte que nos preparan, en exclusiva para QPC, os amigos de 4gotas, que xa nos avisan que non vai ser tan mala como pinta a fin de semana, sobre todo cara o norte:
Toda a fin de semana estaremos influenciados pola borrasca Margit. É unha borrasca que naceu o pasado luns a través dun proceso de cicloxénese explosiva. O martes e mais o xoves atravesaron Galicia dúas frontes frías asociadas a esta borrasca, e unha terceira estará moi preto da Costa na fin de semana.
O máis probable é que non acabe por entrar e descargue case toda a chuvia no mar, pero non toda. Teremos tamén forte vento do sur o venres e máis o sábado, o que tamén axudará a que non vaia frío. Pola noite non baixaremos en toda a finde dos 15 graos e na costa dos 17-18 graos e polo día estaremos nos 20ºC nos arredores de Cee/Corcubión e nos 22-23 nos arredores de Malpica.
O venres aínda quedará chuvia en toda a costa. Na tarde os chuvascos serán máis espallados no tempo nos arredores de Malpica. O sábado entre Muxía e Muros haberá moitas nubes e algunha chuvia feble. Na madrugada algo máis intensas. Nos arredores de Malpica haberá bastantes claros e a partir de media mañá do domingo non choverá e haberá bastantes claros.
Botádelle unha ollada á 4gotas.com para ir confirmando os prognósticos, xa que a pouco que se mova esa fronte cambiarían por completo.
Moito teatro
É o FIOT o protagonista desta fin de semana, i é que ademais das sesións de sala e de taberna, esta fin de semana arrincan as propostas non identificadas. Imos por partes. O venres teremos a gran estrea de “The Godfather” en Galicia da compañía madrileña Yllana, un dos pratos fortes do festival.
Teremos tamén cita o sábado no Pazo da Cultura cos cataláns de Obskene e a súa visión particular do eterno “Fuenteovejuna”.
Será o domingo cando comece o Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), coa singular >obra dos valenciáns Panlcmap “Harket (Protocolo)”.
E seguindo en clave de teatro, o sábado, no Mes da Fundación Fernando Blanco, Cándido Pazó traerá as súas “Memorias dun neno labrego” a Cee.
E claro, para pechar, coma sempre, a fin de semana, iremos á cita dominical de Vimianzo, desta volta coa Escola de Teatro de Baio e Zas e “Os Calzurras”.
Música, exposicións libros e camiñadas
Temos máis cousas a fin de semana, como un impresionante concerto de Miki Nervio & Bluesmakers na Ventana de Laxe. A mítica banda de blues coruñesa, con algún membro moi vencellado á Costa da Morte como é o armonicista Rafa Mississipi, chega ao templo da boa música na Costa da Morte.
Tamén teremos o sábado cita musical co concerto de Marcos Mella en Vimianzo.
E nunha das citas da fin de semana, na que teremos a ocasión de escoitar de novo a un grande da literatura galega de sempre, será a visita o sábado de Xosé Neira Vilas no Couto para presentar o seu libro “Con Anisia Miranda na Costa da Morte”.
Ademais, e aínda na tarde-noite do venres, teremos a ocasión de escoitar de preto ao pintor Nolo Suárez na inauguración da súa exposición en Vimianzo.
E para rematar, unha andaina con Senda Nova pola Via Alcaianus de Coristanco, para a mañá do domingo.
Máis información
Tendes toda as citas debulladas en:
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).