Unha completa Axenda polo Día do Pai na Costa da Morte


Non temos parada. Vén cargada a Axenda Costa da Morte para esta ponte do Día do Pai. E coma sempre, ollamos como ven o tempo da man de 4gotas.com, que nos traen boas novas:
A ponte de San Xosé virá marcada pola influencia anticiclónica e polo vento do nordés, que soprará con forza, dividindo a Costa en dúas metades.
O nordés acumulará moitas nubes nos arredores de Malpica e mesmo deixará algún orballo, especialmente o venres e a mañá do domingo. Mentres, ao sur de Fisterra, predominará o sol toda a Ponte.
Polas noites as temperaturas serán suaves, uns 6-8 graos no interior e uns 9-11 na costa, quedando nos 12-13 nos arredores de Malpica por mor do vento e das nubes e achegándose aos 16-17 en Cee-Corcubión grazas ao sol e que o vento tras pasar por terra chega algo máis quente (aínda así, en zonas venteadas irá fresco).
Na web (www.4gotas.com) podedes seguir o prognóstico para ver se poderemos ver a eclipse do venres ou non. Entre Fisterra e Muros ten pinta de que, aínda que entre nubes e claros, si que o poderemos ver. No artigo da web tedes uns consellos.
Moita cultura
Temos unha fin de semana completa, que arrinca xa a golpe de xoves cun par de boas actividades, como son a obra de Teatro de EME2, con Morris, en Carballo, e mais o monólogo de Enrique el Grande en Cee.
Arrincamos o venres de novo en Cee, pero cun espectáculo de maxia, ou podemos facelo cun Monólogo de Fede Pérez en Malpica ou co Concerto de Narf en Laxe.
Será un sábado completo e variado. Comezamos en Ponteceso cos amantes da cultura máis tradicional ca gravación dunha Polafía en Tallo, con grandes regueifeiros e copleiros bergantiñáns. Seguimos cunha sesión de Teatro Familiar en Cee. Por Malpica xa andarán os trasn@s a voltas, na Pre-etapa do Camiño dos Faros, unha sesión para sumerxirse nas profundidades da sociedade costeira. Preto do lugar, terá lugar a fantástica X Foliada de Cerqueda. Mentes, polo sur teremos a posibilidade de ver unha obra de Mofa e Befa en Muros, antes do Concerto Cavernícola de turno.
Pero unha das citas da fin de semana, será, sen dúbida, o Concerto-presentación do novo disco de Leö KCh en Cee, unha cita a ceo aberto para escoitar hiphop de primeira calidade e tremendamente social.
Un domingo natural
E outra das citas da fin de semana será o comezo da 5ª edición do Camiño dos Faros, que volverá unir Malpica e Fisterra (nesta primeira xornada só Malpica con Niñóns) polo litoral costeiro. Unha experiencia trasna inesquecible!
E para rematar a fin de semana, como non, cita dominical en Vimianzo co monólogo de Isabel Risco, a Nabiza Girl.
Máis información
Tendes toda as citas debulladas en:
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).