Sábado. 18.05.2024
El tiempo

20 dos 35 equipos do Fútbol da Costa estrean adestrador

20 dos 35 equipos do Fútbol da Costa estrean adestrador
Manin volve a Arlina

Mentre preparamos unha listaxe completa do mercado de fichaxes, a través do Facebook “Fútbol da Costa” estamos traendo algunha que outra novidade. Para a semana achegaremos unha completa lista de Altas e Baixas, como cada verán, pero hoxe queremos falar da cantidade de movementos que hai nos banquiños, xa que nada menos que 20 dos 35 equipos cambian de adestrador.

A última que vimos de coñecer, é a fichaxe de Manín polo Muxía. Un Manín que xa estiveran no cadro roxiño en 2007-2008, do que non saíra de todo ben. Pero parece que o cambio de directiva e a nova proposta do club muxián convenceron ao mítico adestrador fisterrán para voltar aos campos de fútbol.

Pero hai outra marea de movementos ben interesantes.

Comezando o repaso por arriba, José Canosa manterase á fronte do Dumbría, e xa sabíamos que o Xallas fichou a Iván Cancela e o equipo está nunha profunda reforma, coa marcha de nomes míticos como Rubén Forján.

Na 1ª Autonómica, Óscar Suárez ponse ao mando do Baio, despois da súa fallida estrea no Malpica a comezos da temporada pasada. Chema Rivadulla será precisamente o míster do Malpica, e o Soneira mantén a Manolito como míster, pero terá a Roland Caamaño, ex do Castrelo, como man dereita.

Na Liga da Costa tamén hai novidades. Lodeiro é novo adestrador da Esteirana. Víctor Pazos será o míster do Zas. Gueli ponse cos mandos do barco do Buño, mentres Jurjo o fará na nave laranxa do Volantes. Javi “Pinturas” estaba pensado para ser o novo míster do Carnota, pois Alfredo Cambeiro marcha ao Cee; pero uns asuntos familiares poden deixar aínda orfo o banco carnotán.
En Cabana, a marcha de Raúl Periscal será cuberta por Tono, que leva a Ordóñez de segundo, mentres o propio Raúl será o míster do Castriz. Outra fichaxe de históricos é a volta de Papi ao banco do Porteño. Ademais o Ameixenda fichou a Santos para substituír a un Pato que ten que deixalo por motivos laborais.

O resto de equipos da 2ª manteñen aos adestradores que remataron a campaña pasada: Pedro Gómez no San Lorenzo, Néstor no Mazaricos, Pablo Mallón no Baíñas, Nacho no Fisterra, Gerpe no Camariñas, Barca no Ponteceso e Emilio Uzal no Cerqueda.

Problemas na 3ª

Xa na 3ª, aínda os movementos non están tan claros. Por Seaia andan con problemas de efectivos, e andan na procura de nomes para o banco e para o campo. Haberá caras novas tamén nos bancos da 3ª, sexa como sexa a liga. Ademais da volta de Manín a Arliña, Jesús de Petrallo será míster do Camelle, e Carlos Margarida cambia o lateral dereito polo banquiño para dirixir ao seu compañeiro Luís no Nantón. Ademais, o que fóra xogador do Soneira, Antelo, será o míster do Castrelo. O Laxe ten tamén nome novo: Adrián Lema, mentres o Corcubión segue na procura de adestrador.
Nito no Lira e Marcelo no Montelouro son os únicos adestradores que repetirán.

Máis información

Fonte

Comentarios